Luis Menor cataloga á Feira do Viño do Ribeiro como o “mellor escaparate para amosar ao mundo a esencia da nosa identidade”

Redacción
Lectura mínima de 3

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da 63ª edición desta “feira vitivinícola a máis importante da provincia de Ourense e a máis antiga de Galicia”, lembrou Menor na inauguración da feira

Participan 29 adegas e colleiteiros que ofrecerán unha mostra representativa da diversidade e calidade da Denominación de Orixe Ribeiro que conta con máis de 90 operadores

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da 63ª Feira do Viño do Ribeiro que ofrecerá desde hoxe ata o 3 de maio, un programa de actividades que mestura tradición, promoción vitivinícola e novas propostas culturais, consolidándose como unha das citas enogastronómicas de referencia en Galicia.

Na súa intervención, Luis Menor catalogou á Feira do Viño do Ribeiro como o “mellor escaparate para amosar ao mundo a esencia da nosa identidade” a través desta cita vitivinícola, “a más importante da nosa provincia e máis antiga de Galicia”.

Unha feira que -como lembrou o presidente provincial- leva celebrándose sesenta e tres anos ininterrompidamente sobrevivindo “a tempos de cambio e hoxe é un referente de calidade”, que converte a Ribadavia no “epicentro dunha tradición que nos define, nos une e que proxecta a mellor imaxe de Ourense cara ao exterior”.

O pregoeiro desta edición foi Xosé Carlos Sierra, unha decisión coa que o Concello e o Consello Regulador queren recoñecer unha traxectoria clave na posta en valor da cultura vitivinícola galega. Unha persoa que leva toda a súa vida vinculada ao viño e á súa divulgación, tanto como director durante anos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, como sendo un dos impulsores do actual Museo do Viño de Galicia.

Neste sentido, Luis Menor felicitou á organización por esta homenaxe que recoñece “a vida dun home entregado a protexer e difundir o noso patrimonio” e agradeceulle que lembrara que “o viño é a linguaxe coa que Ourense lle fala ao mundo”.

Na feira participan 29 adegas e colleiteiros que ofrecerán unha mostra representativa da diversidade e calidade da Denominación de Orixe Ribeiro. Unha cifra que, como destacou a organización, responde tamén ás limitacións de espazo, nunha D.O. que conta con máis de 90 operadores.

As novidades: unha feira de artesanía e unha edición máis inclusiva

Entre as principais novidades desta edición destaca a posta en marcha da I Feira de Artesanía, que se desenvolverá na Praza Maior e que ampliará a oferta cultural da cita e ademais, a organización reforza o seu compromiso social cunha feira máis inclusiva, incorporando interpretación en lingua de signos en distintas actividades.

Comparte este artigo