“Apárcate en Carballo” estrea discos de control do tempo de estacionamento que serven para a zona azul e para os aparcadoiros exprés

Redacción
Lectura mínima de 3

Poderás solicitalos a partir do luns 4 de maio nas dependencias da Policía Local

A iniciativa Apárcate en Carballo acada a súa primeira década de vida. Concibida para dar a coñecer as vantaxes de estacionamento na vila, promover unha mobilidade eficiente para veciñanza e visitantes, poñer en valor os numerosos motivos que existen para aparcarnos en Carballo (e aparcar o noso coche tamén), dez anos despois demóstranos que a fórmula funciona. Cada vez é máis doado aparcar en Carballo.

Desde a Concellaría de Mobilidade apostamos por seguir reforzando ese modelo de mobilidade urbana, e dez anos despois volvemos convidarte a aparcar en Carballo con novos discos de control do tempo de estacionamento que permiten optimizar o uso dos aparcadoiros e favorecen unha rotación máis áxil e cómoda de vehículos. “Cando se organiza ben o espazo público, aparcar deixa de ser un problema. Este modelo permítenos gañar en mobilidade, en actividade económica e en calidade de vida para a veciñanza”, sinala o concelleiro delegado da área, Juan Seoane.

Un disco, dous usos
A principal novidade destes discos, que poderás recoller de balde na Policía Local a partir deste luns, 4 de maio, é a súa precisión. Agora permiten sinalizar tramos de 10 minutos, o que os fai perfectos para as diferentes modalidades de estacionamento limitado:
1. Zona Azul (ata 90 minutos)
Ideal para compras ou xestións administrativas de duración media.
• Funcionamento: é gratuíta, pero é obrigatorio indicar a hora de chegada.
• Capacidade: hai máis de 400 prazas deste tipo en todo o núcleo urbano.
2. Aparcadoiros exprés (10 minutos)
Hai dez anos non existían. Están situados nas zonas amarelas (carga e descarga), buscan facilitar paradas moi breves nas contornas de farmacias ou comercios, para facer compras ou xestións breves.
• Horario exprés: de 12:00 a 20:00 horas, calquera vehículo pode parar un máximo de 10 minutos usando o disco.
• Outros horarios: de 07:00 a 12:00 h, carga e descarga, e de 20:00 a 07:00, estacionamento libre.

Cara ás 3.000 prazas en aparcadoiros libres
Para quen precise estacionar durante longos períodos sen preocuparse polo reloxo, Carballo segue reforzando a súa rede de aparcadoiros libres e sen límite de tempo.
Grazas ao sistema de cesión de fincas particulares (comodato), a cifra de prazas está cada vez máis preto das 3.000 coas novas actuacións en marcha, entre elas unha nova parcela na avenida do Ambulatorio, a conexión de dúas parcelas existentes na rúa Gravador Facal ou a entrada en servizo dun novo espazo nesa mesma rúa, entre outras.

Hai dez anos había en Carballo 1.897 prazas para vehículos distribuídas en 22 solares. Hoxe hai 2.670 repartidas en 50 parcelas, e pronto serán máis, xa que están en trámites novos acordos de comodato con distintos propietarios.

Comparte este artigo