A innovación matemática da UDC chega ás aulas de Carballo cunha proposta lúdica e manipulativa

Redacción
Lectura mínima de 3

• O Grupo de Innovación en Educación Matemática (IEM) da Universidade da Coruña imparte obradoiros nos centros de primaria

• A iniciativa, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Innovación, busca achegar as matemáticas ao alumnado de xeito experimental

As aulas de primaria de Carballo estanse a converter en laboratorios de experimentación grazas aos obradoiros impartidos polo Grupo de Innovación en Educación Matemática (IEM) da Universidade da Coruña (UDC). Esta iniciativa, froito da colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Innovación, ten como obxectivo transformar a percepción das matemáticas a través do xogo e o uso de materiais manipulativos.
Tras o éxito acadado nos obradoiros para familias do programa Apego o pasado decembro, esta nova fase traslada a metodoloxía directamente ao ámbito escolar. Nestas sesións, o alumnado traballa con ferramentas como as regretas de Cuisenaire, bloques lóxicos e figuras xeométricas, o que permite visualizar conceptos abstractos de aritmética e xeometría de xeito tanxible.
Percorrido polos centros
A actividade xa pasou con éxito polos colexios Canosa-Rus, Gándara-Sofán e A Cristina. O calendario de actividades continuará nas vindeiras datas con paradas previstas nos CEIP Nétoma-Razo e Fogar.
Estes obradoiros están deseñados para adaptarse aos distintos niveis educativos, para garantir que os nenos e nenas poidan explorar as matemáticas nun ambiente de colaboración. O uso de materiais como os bloques multibase (que representan unidades, decenas e centenas) axuda a que o alumnado de primaria reforce o sistema de numeración dun xeito natural e intuitivo.
Ademais da compoñente pedagóxica, o programa destaca pola súa aposta pola normalización lingüística. Ao desenvolver estas actividades técnicas e lúdicas en galego, foméntase o uso da lingua en contextos de innovación e ciencia desde as idades máis temperás.
“Dende o goberno local apostamos por establecer estas pontes coa universidade para traer ás nosas aulas metodoloxías punteiras. Con estes obradoiros demostramos que as matemáticas poden ser divertidas, comprensibles e, sobre todo, unha ferramenta esencial para que o alumnado entenda o mundo que o rodea”, sinala a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.

Comparte este artigo