O Concello impulsará novamente este verán un novo programa de conciliación para a rapazada de ata 14 anos desde o 1 de xullo

Redacción
Lectura mínima de 3

 Haberá cinco quendas para participar con remate o día 4 de setembro.

 O prazo de inscrición estará aberto desde mañá, martes 5 de maio e ata o 29 deste mes, preferentemente para empadroados e residentes na localidade.

O Concello de Paderne impulsará novamente o seu plan de conciliación familiar cara este verán cun servizo totalmente de balde con preferencia para as familias empadroadas e residentes no municipio. Isto permitirá que a rapazada de ata 14 anos poida gozar de espazos de recreación durante a tempada estival.

Haberá cinco quendas para participar: desde o 1 ata o 15 de xullo; desde o 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 14 de agosto; do 17 ao 31 de agosto (agás o día 18 por ser festivo) e do 1 ao 4 de setembro de 2026. O horario será de 8:00 a 15:00 horas, con entrada e saída flexibles entre as 8:00 e as 9:00 horas e as 14:00 e as 15:00 horas respectivamente.

Neste sentido, as actividades terán como elemento vehicular a igualdade entre nenos e nenas. Para iso, desenvolveranse iniciativas lúdicas de ocio como xogos cooperativos nos que se tratarán valores de respecto, igualdade, resolución de conflitos e fomento da cultura e a lingua galegas.

Este servizo desenvolverase no Centro de Maiores, na Aula de Informática, na Biblioteca e no parque anexo ao Concello. Ademais, en función da meteoroloxía, realizaranse máis actividades no exterior e haberá visitas de interese a entidades ou organismos da contorna.

A semana do 8 de xuño publicarase a lista provisional de admitidos e admitidas, que será definitiva no caso de non cubrirse todas as prazas. Disporase de 2 días hábiles para presentar alegacións á mesma. A semana do 15 de xuño publicarase a relación definitiva de admitidos e admitidas no taboleiro de anuncios do Concello de Paderne.

O prazo para inscribirse nestes servizos comeza mañá, 5 de maio, e pechará o vindeiro 29 de maio. Para anotarse, é preciso aportar a documentación que aparece nas bases.
“Este programa durante a época do verán é un dos piares fundamentais da nosa acción de goberno, posto que toda vez que ofrecemos un espazo de recreación para a cativada en igualdade de oportunidades, permitimos que pais e nais poidan conciliar a vida familiar e laboral nun período vacacional tan amplo. Ademais, garantimos que a cativada se divirta, aprenda en valores, conviva cos seus iguais e aprenda hábitos saudables”, apunta o alcalde, Sergio Platas.

Comparte este artigo