A Deputación apostou unha vez máis polo deporte de elite, acollendo na provincia de Ourense a segunda etapa de “La Vuelta Femenina” 

Redacción
Saia en Lobios (Ourense) da segunda etapa da Volta Feminina. Participan Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ourense), María del Carmen Yañez Salgado (Alcaldesa de Loios), Marta Novoa Iglesias (Alcaldesa de San Cibrao das Viñas), Javier Guillén (Director da Volta), Manuel Pardo Cid (Delegado da Xunta en Ourense), Marino Lejarreta (Traballador da V0lta) entre outras autoridaes.

O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe á saída en Lobios e á chegada en San Cibrao das Viñas desta proba, un evento que cualificou como “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo”

A provincia de Ourense volveu ser o epicentro do ciclismo de elite feminino, unha aposta da Deputación de Ourense que apoiou o paso de “La Vuelta Femenina” pola provincia. O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe á saída en Lobios e á chegada en San Cibrao das Viñas da segunda etapa desta competición que demostrou, unha vez máis, que a provincia de Ourense é “un grandísimo escenario para o deporte de alta competición”.

Acoller este tipo de eventos é “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo. Temos a orografía, as estradas e a capacidade loxística para acoller os eventos máis esixentes do calendario internacional”, valorou Menor tralo remate da competición.

A etapa, con 109 km de selo ourensán, levou ao pelotón desde Lobios a San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela. A corredora belga Shari Bossuyt, do equipo AG Insurance-Soudal Team, impúxose ao sprint e recibiu o premio de mans de Luis Menor e a vicepresidenta primeira e alcaldesa de San Cibrao, Marta Novoa.

Esta aposta polo deporte desde a Deputación é, neste caso, un compromiso tamén coa igualdade porque “cremos que apoiar “La Vuelta Femenina” é unha cuestión de convicción”, dixo o presidente provincial, quen afirmou que ademais permitirá que as rapazas ourensás coñezan a referentes deportivos de primeiro nivel competindo nas súas propias estradas”.

Comparte este artigo