Belén do Campo destacou o compromiso do concello da Laracha coa economía circular co punto limpo móbil que contou cun apoio da Xunta de 61.000€

Redacción
A Laracha.- A Coruña A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visita o novo Punto Limpo Móbil adquirido con motivo das axudas a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. 04/05/2026 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

A delegada da Xunta destacou que con este tipo de achegas a Xunta segue demostrando o seu apoio aos concellos rurais para que poidan ofrecer servizos modernos e á altura do que demanda actualmente a veciñanza

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o punto limpo móbil adquirido polo Concello da Laracha, que estivo instalado, no día de hoxe, na igrexa de San Julián de Coiro, para a recollida de residuos especiais.
A representante do Goberno autonómico, estivo acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López, puxo este municipio como exemplo claro de colaboración institucional, de aproveitamento eficaz dos recursos públicos e de como os apoios da Administración se traducen en proxectos reais e útiles para a veciñanza.
De feito, este municipio coruñés beneficiouse na convocatoria de 2025 de distintas achegas que suman case 101.000 euros, entre as que se atopa a destinada á adquisición do punto limpo móbil (61.000 euros), os máis de 13.000 euros para melloras nos puntos limpos existentes, outros 13.000 euros para proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos (compostaxe in situ) e finalmente outros 13.000 euros para proxectos de implantación, ampliación ou mellora de recollida selectiva separada de biorresiduos.
A delegada da Xunta puxo en valor tamén o compromiso e o esforzo continuado do Concello da Laracha neste ámbito, apostando por unha xestión moderna, sostible e eficiente dos residuos. A implicación municipal está a ser clave para achegar estes servizos a todas as parroquias e para concienciar á veciñanza da importancia de reciclar e separar correctamente.
Belén Do Campo informou que o novo punto limpo móbil está facilitando o depósito de residuos voluminosos e especiais por parte dos máis de 11.700 habitantes do municipio. Desde o pasado 16 de febreiro este punto limpo móbil visitou 11 parroquias: Torás, Lestón, Caión, Lendo, Lemaio, Cabovilaño, Vilaño, Golmar, Montemaior, Soandres e Erboredo. A maiores, esta semana estará en Coiro e a segunda semana de maio estará en Soutulllo, para prestar un servizo que evita a existencia de vertidos incontrolados.
Por iso, a delegada lembrou que a Xunta está a disposición dos concellos para acompañalos neste esforzo, ofrecendo apoio técnico e económico para mellorar a xestión dos residuos con achegas para as entidades locais coas que mellorar a recollida dos residuos domésticos, perigosos, voluminosos e aparellos eléctricos e electrónicos así como de biorresiduos como a materia orgánica, aceite de cociña usado ou residuos téxtiles.

Comparte este artigo