A proba, plenamente consolidada no calendario galego, busca superar os 2.000 participantes e volverá contar cun circuíto homologado e espazos para a diversidade funcional
O Concello de Carballo acolleu a presentación oficial da nova edición da carreira 10K Carballo, un evento que transcende o deportivo para converterse nun símbolo da unión entre saúde, comunidade e celebración. A presentación contou coa participación de autoridades locais, representantes de clubs deportivos, atletas e colaboradores que fan posible que esta cita siga medrando ano tras ano.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que o éxito e a singularidade desta proba radican no apoio do tecido asociativo e na implicación da veciñanza: “O que fai grande esta proba son as asociacións deportivas. Conxugamos deporte, sociedade e festa; é a combinación perfecta”. O rexedor subliñou tamén a importancia de seguir apostando pola participación de persoas con capacidades distintas para que a carreira sexa un espazo de goce para todos e todas.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, definiu a cita como a “estrea oficiosa do mes de San Xoán”, e destacou o simbolismo de mesturar o deporte coa festa para crear comunidade e promover hábitos de vida saudables, tanto individual como colectivamente.
Un referente técnico e de participación
Manolo Bardanca, técnico da área de Deportes, debullou os aspectos que fan da 10K Carballo unha proba de referencia en Galicia. A carreira está integrada no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, discorre por un circuíto homologado e conta con sistemas de cronometraxe electrónica e múltiples servizos ao corredor que a sitúan no máis alto das valoracións. Tras bater o récord o ano pasado con 2.065 inscritos, a organización espera manter esa altísima participación que reflicte o bo estado do deporte carballés.
Gustavo Álvarez, presidente da AD Fogar, reafirmou o compromiso do seu club coas categorías de base e celebrou que a vila siga apostando polo atletismo con este nivel de superación.
A presentación contou con testemuños de diversos perfiles de corredores e colaboradores:
- Nuno Moure, deportista da AD Fogar e campión galego de 5km en ruta, que buscará revalidar o seu título tras gañar consecutivamente nas distintas distancias nas tres edicións anteriores.
- Natalia Rivas, atleta, quen destacou o carácter festivo da proba: “É un día para desfrutar, para estar cos veciños e animar”.
- Adrián Monteseirín (AD Un paso máis), quen agradeceu que a organización manteña un espazo específico para nenos e nenas con diversidade funcional, garantindo o dereito ao deporte para todos.
- Moncho Ríos, veterano colaborador, que puxo en valor o traballo do voluntariado
- Xan Lamas, campión de España de apnea e deportista da AD Media Ducia, quen salientou a beleza de “correr por Carballo rodeado de máis de 2.000 persoas”.
- Gustavo Álvarez, presidente da AD Fogar, reafirmou o compromiso do seu club coas categorías de base e celebrou que a vila siga apostando polo atletismo con este nivel de superación.
A 10K Carballo 2026 promete ser, un ano máis, unha xornada inesquecible onde a competición de alto nivel e a participación popular daranse a man polas rúas da capital de Bergantiños.
Máis información e inscricións: https://www.carreirasgalegas.com/events/10k-carballo-2026/Jlb8qN9n

