O presidente provincial, Luis Menor, reuniuse coa nova presidente deste colectivo, Gala Llano, e ambos destacaron a importancia de reforzar a igualdade e dar maior visibilidade ás mulleres en sectores onde seguen infrarrepresentadas
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta de Empresarias Galicia, Gala Llano, na que abordaron distintas vías de colaboración para impulsar accións de promoción da igualdade e de visibilización da muller no ámbito empresarial.
Durante o encontro, a representante da asociación presentou o traballo que desenvolve a entidade en toda Galicia, centrado especialmente en reforzar a presenza e o recoñecemento das mulleres no mercado laboral e no tecido empresarial, particularmente naqueles sectores nos que continúan tendo unha menor representación.
Luis Menor puxo en valor o labor de Empresarias Galicia e destacou a coincidencia de obxectivos coa Deputación de Ourense “na defensa da igualdade de oportunidades e na necesidade de seguir dando visibilidade ao talento, á capacidade emprendedora e á actividade empresarial das mulleres”.
O presidente provincial explicou tamén as distintas iniciativas que impulsa a Deputación en materia de igualdade, moitas delas vinculadas precisamente á promoción da muller no ámbito profesional e económico, así como á sensibilización social sobre a importancia de avanzar cara a unha representación máis equilibrada en todos os sectores produtivos.
Na reunión abordouse ademais a posibilidade de trasladar á provincia de Ourense algunhas das actividades e eventos que a asociación organiza noutros puntos de Galicia, contando coa colaboración da Deputación. “Compartimos un obxectivo común, que é seguir avanzando na igualdade real e contribuír a que o papel da muller empresaria teña a visibilidade que merece”, sinalou Luis Menor.
Pola súa banda, Gala Llano destacou a importancia de potenciar o crecemento da asociación na provincia de Ourense, subliñando que “o tecido empresarial ourensán é moi importante e hai que dar visibilidade ás mulleres que forman parte del”. A presidenta de Empresarias Galicia amosou tamén a disposición da entidade a colaborar en futuras iniciativas de interese común coa institución provincial.

