Os catro Concellos presentarán alegacións de xeito coordinado e expresan a súa preocupación polos posibles impactos ambientais e patrimoniais.
Os alcaldes da Laracha -José Manuel López Varela-, Arteixo -Carlos Calvelo-, Cerceda -Juan Manuel Rodríguez- e Culleredo -José Ramón Rioboo- mantiveron hoxe unha reunión na que expresaron de maneira conxunta o seu rexeitamento ao proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia larachesa de Soandres.
Durante o encontro, os representantes municipais coincidiron na necesidade de actuar de maneira coordinada ante un proxecto que esperta unha importante preocupación social e institucional polos posibles impactos que podería ocasionar tanto no ámbito ambiental como na calidade de vida da veciñanza da contorna.
Neste sentido, os catro rexedores acordaron presentar alegacións de xeito coordinado ao procedemento administrativo actualmente en fase tramitación, dado que o emprazamento do proxecto é nun lugar da Laracha próximo aos límites cos outros tres municipios. Ditas alegacións estarán fundamentadas, principalmente, na protección do patrimonio, no risco de posibles afeccións aos ríos Anllóns -principal curso fluvial de Bergantiños e fonte de captación de auga de consumo para unha parte importante do municipio da Laracha- e Valiñas -cuxo nacemento é próximo a Vista Alegre-, e tamén nos cheiros asociados á actividade prevista polas molestias que poderían ocasionar ás persoas residentes nas proximidades.
Ademais, os alcaldes tamén puxeron o foco na presenza continua de vehículos pesados que implicaría a actividade da planta polas incidencias que podería xerar sobre o tránsito rodado e a seguridade viaria na zona.
Os responsables municipais reafirmaron a súa vontade de defender os intereses dos seus concellos e de esgotar todas as vías administrativas ao seu alcance para que o proxecto non se leve a efecto.
Ademais, o alcalde da Laracha tamén informou aos seus homólogos nos outros tres municipios do apoio do Concello á manifestación convocada pola plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha para este sábado ás 12:00 horas, mobilización que ten como obxectivo mostrar o rexeitamento social ao proxecto.

