O programa poñerá a disposición da veciñanza 1.333 chequeiras de 30 euros para fomentar o consumo nos comercios e establecementos adheridos.
O Concello impulsa a cuarta edición do programa Eu Merco na Laracha, iniciativa dirixida a dinamizar a economía local e incentivar o consumo de proximidade mediante descontos directos nas compras e servizos realizados nos negocios adheridos. O programa contará novamente cunha partida municipal de 40.000 euros e permitirá repartir entre a veciñanza un total de 1.333 chequeiras con 30 euros en bonos.
O alcalde, José Manuel López Varela, destacou durante a presentación que “as anteriores edicións foron un éxito” e incidiu en que se trata dun programa “específico de apoio ao comercio local e á veciñanza”, subliñando que o obxectivo principal é “impulsar o consumo a nivel local” a través dunha iniciativa financiada “con fondos propios e directos do orzamento municipal”. O rexedor tamén aproveitou para “animar aos comercios e aos veciños a participar porque, a fin de contas, vainos beneficiar a todos”.
As bases, que se publicarán nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establecerán que poderán beneficiarse dos bonos todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas no municipio. A concelleira de Promoción Económica, Rocío López, explicou que o Concello repartirá novamente “1.333 bonos entre os veciños e veciñas e, por ende, no comercio local, os 40.000 euros”. Cada chequeira estará formada por tres bonos de dez euros cada un, ata un total de 30 euros por persoa. O funcionamento será o mesmo das edicións anteriores: por cada 20 euros de compra poderase descontar un bono de 10 euros.
Rocío López lembrou tamén que “a acollida foi moi boa nas últimas edicións”, nas que participaron preto de corenta locais comerciais de todo o termo municipal. Neste sentido, mostrou o desexo de igualar ou mesmo superar esa cifra nesta convocatoria e animou tanto aos negocios como á veciñanza a sumarse á campaña.
Pola súa banda, a Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, Ana Carmen Jiménez, detallou os principais prazos do programa. Tanto os establecementos como os veciños poderán formalizar a súa inscrición desde a publicación das bases no BOP ata o 22 de maio. Posteriormente, os bonos poderán recollerse e utilizarse entre o 2 e o 30 de xuño. Tamén explicou que en caso de haber máis solicitudes que chequeiras dispoñibles, serán outorgadas mediante un sorteo.
Toda a información relativa ao programa, así como os trámites de inscrición tanto para negocios como para particulares, poderá consultarse na páxina web https://eumerconalaracha.alaracha.gal.

