● O presidente do PP lamenta que “Lores non estea a pensar en mellorar as condicións da maioría de clubs da cidade, senón unicamente nos seus intereses privados”
● O dirixente popular considera “un erro histórico” que se destinen máis de 6’2M€ a un proxecto concibido exclusivamente para un só deporte, mentres “se estrangula a moitos clubs da cidade”
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixiu en rolda de prensa que o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, recapacite antes de que sexa demasiado tarde e abra a outras disciplinas deportivas o novo pavillón de tenis de mesa que se está construíndo no barrio de Monte Porreiro.
Domínguez lamentou que se destinen máis de 6’2 millóns de euros para un proxecto concibido exclusivamente para un só deporte, “mentres se deixa de lado e estrangúlase a moitos clubs da cidade que levan moitos anos queixándose da falta de espazo nas instalacións municipais para desenvolver os seus proxectos deportivos de base”.
O líder do PP de Pontevedra lembrou “o cambio de rumbo” do Gobierno municipal, tras gardar por enésima vez nun caixón o proxecto do complexo deportivo multidisciplinar prometido por Lores no barrio da Parda, para priorizar a construción do pavillón de tenis de mesa de Monte Porreiro. “Lores non está a pensar en mellorar as condicións da maioría de clubs da cidade, senón unicamente nos seus intereses privados”, asegurou.
Neste sentido, Domínguez advertiu de que a decisión do Gobierno do BNG supón “un erro estratéxico histórico para o deporte local de Pontevedra” e insistiu en que o proxecto aínda pode rectificarse. “O alcalde está a tempo de rectificar, modificar os usos para que sexan múltiples e evitar que se discrimine a centenares de deportistas e entidades que necesitan recintos cubertos para adestrar e competir. O Concello debe xestionar os recursos públicos buscando o maior beneficio posible para todos”, incidiu.
Doutra banda, o dirixente popular transmitiu a súa solidariedade cos colectivos que utilizaban o antigo pavillón de Monte Porreiro, que se demoleu para construír o de tenis de mesa. “Paréceme especialmente sanguento que se deixase a algúns clubs na estocada, como é o caso do Club Rodeiras Patinaxe Artística, que se viu obrigado a deixar de adestrar en decembro e a dar o club de baixa”, denunciou. Pero non é o único afectado porque tamén están a sufrir as consecuencias a Escola de Skate e Patíns Vello Lobo School, as escolas do club de fútbol de Monte Porreiro ou o IES Frei Martín Sarmiento.
Para rematar, o gañador das últimas eleccións á alcaldía comprométese a liderar, a partir de 2027, un Goberno municipal que estableza unha planificación deportiva realista e global para resolver as carencias estruturais da actualidade. “Imos reforzar os investimentos en instalacións máis modernas, amplas, seguras e accesibles para que ningún club de Pontevedra teña botar o peche ou adestrar fóra da cidade. Ademais, estableceremos unha repartición equilibrada e xusto dos horarios de uso dos recintos deportivos para garantir o futuro formativo do deporte basee”, concluíu.

