O Real Club Celta de Vigo entrega material contra incendios á Deputación para distribuír entre os GES e bombeiros

Redacción
ENTREGA DE MATERIAL CONTRA INCENDIOS DOADO POLO R.C. CELTA DE VIGO O vicepresidente terceiro, Plácido Álvarez, xunto ao xefe da Sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez, recollerán o material doado polo R.C. Celta de Vigo para a loita contra incendios e que a Deputación distribuirá entre os GES da provincia. No Estadio do Couto.

A doazón, realizada durante o encontro disputado hoxe no Couto entre Ourense C.F. e Celta B, é froito da iniciativa “Xuntos contra o lume”, un partido solidario disputado o pasado 8 de outubro en Balaídos entre o Celta de Vigo e unha selección de xogadores de equipos ourensáns

O deputado de Emerxencias, Plácido Álvarez, agradeceu a solidariedade que amosa unha vez máis unha institución como o RC Celta, demostrando que cando “o lume ataca ao noso rural estamos todos no mesmo equipo”

O Real Club Celta de Vigo, tal e como se comprometeu trala vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense en agosto de 2025, entregou esta tarde á Deputación un amplo equipamento de material contra incendios froito da iniciativa “Xuntos contra o lume”, un partido solidario disputado o pasado 8 de outubro en Balaídos entre o Celta e unha selección de xogadores de equipos ourensáns. O obxectivo daquel encontro foi recadar fondos para afrontar proxectos de reforestación nas zonas máis afectadas polos lumes na provincia de Ourense.

O vicepresidente terceiro e deputado de Emerxencias, Plácido Álvarez, e o xefe da Sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez, foron os encargados de recoller o material doado, consistente en 60 unidades de batelumes, 50 mochilas de extinción e 19 caixas de máscaras e lentes protectores.

O equipamento destinarase aos Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) da provincia e tamén aos bombeiros que a Deputación ten no Polígono de San Cibrao das Viñas. Deste modo, este material pasará a formar parte dos grupos de Celanova, Lobios, Muíños, Avión, Valdeorras, Maceda, A Gudiña, Castro Caldelas, Laza, Ribadavia, Pereiro de Aguiar, A Veiga e os bombeiros da Deputación.

O deputado de Emerxencias agradeceu a solidariedade que amosa unha vez máis unha institución como o RC Celta, demostrando que cando “o lume ataca ao noso rural estamos todos no mesmo equipo”.

Álvarez afirmou que todo este material contribuirá a que os concellos ourensáns dispoñan de máis medios ante posibles incendios forestais”, agradecendo en nome de toda a cidadanía ourensá este xesto de apoio e compromiso que “demostra que somos un pobo que sempre está unido nos momentos difíciles”.

Comparte este artigo