Luis Menor pon en valor o papel clave da Enfermaría na cohesión territorial e na calidade asistencial da provincia

Redacción
NAUGURACIÓN XV XORNADAS DE ENFERMARÍA O presidente provincial, Luis Menor, participa na inauguración das XV Xornadas de Enfermaría acompañado de Antonio Gómez Caamaño (Conselleiro de Sanidade), Gonzalo Pérez Jácome (Alcalde de Ourense), Santiago Camba Bouzas (Xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras) e Josefa Rodríguez Araujo (Organizadora da Xornada). No Auditorio Municipal de Ourense

O presidente da Deputación inaugurou as XV Xornadas de Enfermaría de Ourense destacando o liderado desta profesión no futuro do sistema sanitario

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá no acto inaugural das XV Xornadas de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, celebradas no Auditorio Municipal da cidade, onde puxo en valor o papel “esencial e insubstituíble” desta profesión na atención sanitaria e na cohesión territorial da provincia.

No seu discurso, Menor destacou que a Enfermaría representa “o compromiso co coidado das persoas no seu estado máis puro”, subliñando a súa capacidade para “acompañar, escoitar e soster aos pacientes nos momentos máis complexos”. Neste sentido, incidiu en que o labor das e dos profesionais de enfermaría vai moito máis alá da asistencia sanitaria, converténdose nun piar fundamental do sistema público de saúde.

O presidente provincial quixo tamén facer un recoñecemento en clave histórica, lembrando que hai dous anos Ourense conmemorou o 50 aniversario da Escola de Enfermaría, “un proxecto impulsado pola Deputación que marcou un antes e un despois na formación sanitaria da provincia”. Menor salientou o papel das primeiras promocións, “mulleres pioneiras que abriron camiño con esforzo, disciplina e vocación de servizo”, e que sentaron as bases dunha profesión hoxe plenamente consolidada e en constante evolución.

Desde esa perspectiva, destacou a continuidade do compromiso da institución provincial coa Enfermaría, “desde o seu nacemento ata o seu presente e futuro”, poñendo en valor a evolución cara a un modelo profesional que integra coñecemento, investigación, innovación e capacidade de liderado.

En clave provincial, Luis Menor incidiu na importancia da Enfermaría nun territorio como Ourense, caracterizado pola dispersión poboacional e o envellecemento, sinalando que estes profesionais “garanten que a atención sanitaria chegue a cada recuncho, convertendo a proximidade en calidade asistencial e en igualdade de oportunidades para toda a cidadanía”.

As xornadas, que se desenvolven baixo o lema “Da vocación ao liderado: a enfermaría que vén”, reúnen a profesionais do ámbito sanitario, científico e académico co obxectivo de compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas, promovendo a innovación, a formación continua e a humanización dos coidados.

O programa inclúe tamén a participación activa de asociacións de pacientes, un aspecto que o presidente da Deputación valorou de maneira especial ao considerar que “incorporar a súa voz supón avanzar cara a unha sanidade máis participativa, máis próxima e máis humana”.

Luis Menor concluíu a súa intervención subliñando que “unha sociedade mídese pola forma na que coida das súas persoas”, asegurando que “Ourense pode sentirse orgullosa de contar cunha enfermaría comprometida, preparada e chamada a liderar os retos do futuro sanitario”.

Comparte este artigo