O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Ourense na cuarta xincana urbana organizada ao abeiro do programa autonómico Localízate! no teu comercio local, unha iniciativa da Xunta inserida no Plan estratéxico do comercio de Galicia e destinada a fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade. Os alumnos participantes deberon completar unha carreira por equipos que partiu de Bispo Cesáreo, onde estaba situada unha unidade móbil, e discorreu pola Alameda, na ubicación provisional da Praza de Abastos, e polas principais rúas comerciais da cidade. Durante o percorrido, os rapaces e rapazas deberon resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores.
As xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, na que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado. Tras o seu paso xa por Ferrol, Lugo, Santiago e —na xornada de hoxe— Ourense, a vindeira xincana terá lugar na cidade da Coruña o 19 de maio.

