O presidente da institución provincial, Luis Menor, visitou hoxe xunto ao alcalde do municipio do Ribeiro, Antonio Montero, algunhas das obras realizadas en colaboración coa Deputación como son as obras de arranxo nos camiños de Beresmo, o Centro Integral de Servizos Sociais de Alvetus, a piscina municipal e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal
Trala visita, Luis Menor felicitou ao alcalde e ao seu equipo de goberno por demostrar cos investimentos realizados no que vai de mandato que teñen “unha visión estratéxica para o seu territorio” que beneficia a calidade de vida da veciñanza
Pola súa parte, o alcalde de Avión agradeceu a “permanente man tendida” da Deputación que investirá no mandato 2023-2027 un total de 1.740.000 euros no concello converténdose na “principal administración” que inviste no rural
Neste orzamento está incluído o Plan CooperOU (860.000 euros), o arranxo de estradas da Rede Provincial, así como outras axudas para sacar adiante proxectos que resultan prioritarios para este municipio
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe da man do alcalde de Avión, Antonio Montero, algunhas das obras realizadas no concello en colaboración coa Deputación como son as obras de arranxo dos camiños de Beresmo, o Centro Integral de Servizos Sociais de Alvetus, a piscina municipal e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal.
Trala visita, o presidente provincial situou ao Concello de Avión como exemplo de “eficacia e eficiencia do Plan CooperOU” da Deputación en base á xestión realizada con este orzamento no que vai de mandato, o que demostra que teñen “unha visión estratéxica para o seu territorio” que beneficia a calidade de vida da veciñanza.
No caso de Avión, “permítenos comprobar que a posta en marcha deste Plan de cooperación flexibiliza moito o investimento, a xustificación e permite deseñar e actuar con planificación”, explicou o presidente provincial, afirmando que o Plan CooperOU é sinónimo de “obras que melloran a vida diaria e de investimentos que fan provincia”.
Esa visión sobre o territorio enmárcase coa “nosa vocación de goberno municipalista” -dixo Menor-, xa que garante que un veciño de Avión teña os mesmos servizos e calidade de vida que calquera persoa que viva nunha gran cidade.
Neste sentido, o presidente provincial reafirmou esa condición da Deputación como “concello dos concellos” afirmando que este novo modelo de cooperación está baseado no “equilibrio territorio, no apoio e crenza do noso rural e un alto nivel de execución de proxectos tan visibles como os que hoxe visitamos aquí en Avión”.
Pola súa parte, o alcalde de Avión agradeceu a “permanente man tendida” da Deputación que investirá no mandato 2023-2027 un total de 1.740.000 euros no concello converténdose na “principal administración” que inviste no rural. Neste orzamento está incluído o Plan CooperOU (860.000 euros), o arranxo de estradas da Rede Provincial, así como outras axudas para sacar adiante proxectos que resultan prioritarios para este municipio.

