• A concelleira non adscrita alerta da “ausencia de avances coñecidos” no novo prego e reclama planificación para garantir a continuidade dun servizo “fundamental para a conciliación das familias e o benestar das crianzas”
• Pide tamén celeridade na toma de decisións sobre o novo modelo de xestión para o servizo
A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, expresou a súa preocupación pola situación do servizo municipal de comedores escolares e reclamou ao Goberno local que active “de maneira urxente” a licitación dun contrato de transición que permita garantir a continuidade do servizo unha vez remate a actual prórroga, prevista para xuño de 2026.
“Non ocultamos a nosa preocupación ante a ausencia de avances coñecidos na redacción dun novo prego para o servizo” afirmou Rosón que insiste na necesidade de “garantir a continuidade do servizo mentres non se estea en condicións de operar co novo modelo de comedores escolares que aínda está en proceso de estudo e toma de decisións”.
A edil considera “absolutamente urxente” poñer en marcha o proceso de contratación “coa marxe suficiente” para evitar problemas futuros e permitir capacidade de reacción ante posibles incidencias administrativas ou de execución: “debe facerse coa marxe suficiente que nos garanta posibilidade de reacción ante problemas que, como vimos co contrato dos centros socioculturais, poden ocorrer mesmo despois de adxudicalo a unha empresa”, sinalou.
Rosón criticou tamén a falta de definición do Goberno municipal respecto ao futuro modelo de comedores escolares. Segundo lembrou, a alcaldesa comprometeuse inicialmente coa implantación de cociñas propias en cada centro educativo, unha proposta que, segundo indicou, “non era viable”.
“A Alcaldesa chegou ao goberno dicindo que ía facer cociñas propias en cada centro, unha proposta que nós sempre dixemos que non era viable e, despois de prometelo en campaña, desdíxose e optou polo modelo que nós sempre defendemos: a cociña centralizada”, afirmou.
Neste sentido, a concelleira lamentou a falta de execución orzamentaria e a ausencia de decisións concretas tras varios exercicios reservando partidas económicas para este proxecto: “xa van dous orzamentos reservando máis dun millón de euros para facer esa cociña e, despois de tres anos de mandato, aínda non se executou un só céntimo deses cartos que acordamos reservar nin existe unha decisión clara adoptada ao respecto do futuro deste servizo”, denunciou.
Por todo isto, Rosón reclamou ao Executivo municipal “desbloquear” o proceso e avanzar tanto na definición do novo modelo como na preparación dun contrato transitorio que asegure a prestación do servizo. “Sabendo que a toma de decisións se vai demorar, debe planificarse un novo prego que sirva de transición para blindar un servizo fundamental para a conciliación das familias e para o benestar das crianzas”, concluíu.

