A Concelleira de Cultura de San Sadurniño, Araceli Bellas Castro, entregou esta tarde na Casa da Cultura os premios do concurso convocado pola Biblioteca Municipal con motivo do Día do Libro. Un certame que propuña combinar fragmentos de libros con fotografías orixinais de San Sadurniño, creando deste xeito mensaxes con novos significados. Na convocatoria participaron oito instantáneas acompañadas das súas correspondentes pasaxes literarias, nunha iniciativa pensada como experiencia creativa e de animación á lectura. Tres delas foron as elixidas polo xurado, presentadas por Sonia Corral, Héctor Padín e Lidia Pena, quen levaron cadanseu vale canxeable na libraría Brétema.
Co gallo do 23 de abril, a Biblioteca Municipal lanzoulle á veciñanza maior de 12 anos o convite para reinterpretar os espazos e paisaxes de San Sadurniño a través dunha combinación de fotografía e literatura. Cada participante debía presentar unha imaxe orixinal tomada no municipio acompañada dun fragmento extraído dunha obra literaria xa publicada, procurando que ambos os dous elementos dialogasen entre si e ampliasen mutuamente o seu significado.
A iniciativa naceu co obxectivo de promover unha mirada persoal sobre o territorio, poñendo en valor a riqueza paisaxística, patrimonial e cultural do concello ao tempo que se fomentaba a creatividade e o gusto pola lectura. As bases establecían ademais que as fotografías debían ser inéditas e presentarse baixo pseudónimo, podendo enviarse tanto por vía electrónica como en formato físico na Biblioteca Municipal. O xurado, integrado por persoas vinculadas ao ámbito das artes plásticas e visuais, valorou especialmente a orixinalidade, a calidade técnica e a capacidade para establecer conexións creativas entre texto e imaxe.
Entre as obras premiadas atopouse a proposta de Sonia Corral, quen escolleu un fragmento da novela A ira dos mansos, de Manuel Esteban, para acompañar unha fotografía do castelo de Naraío. O texto seleccionado dicía: “Deféndenos señor da ira dos mansos. O portugués propuxera esta oración anticipando que un día os maltreitos pola historia, os asoballados, os mansos desprovistos de toda voz, se erguerían fartos de calar, reclamando o seu dereito a figurar na gran foto da humanidade. E ese día os donos do poder, atemorizados, caerían de xeonllos”. A combinación da imaxe coa forza simbólica do fragmento creou unha poderosa reflexión arredor da memoria, da resistencia e da dignidade colectiva.
Pola súa banda, Héctor Padín apostou por unha proposta inspirada na obra O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo. A fotografía mostraba un primeirísimo plano dun ourizo cunha castaña no seu interior, deixando desenfocada ao fondo a fachada da igrexa de Santa María a Maior do Rosario. O fragmento escollido, “E esta noite, ¿cantas badaladas dará o reloxo ás doce? -Doce, seguro que doce -respondeu o xuiz rindo”, reforzaba a atmosfera de misterio e intriga suxerida pola composición visual.
A terceira das obras recoñecidas foi a presentada por Lidia Pena, quen fotografou ao seu fillo contemplando o horizonte nos ermos do Forgoselo. A imaxe completábase cun fragmento da obra A música das Buguinas, de Pepablo Patinho, no que precisamente se describe a serra do Forgoselo como un espazo escuro, misterioso e cheo de vida salvaxe. A escena, marcada pola presenza do luar, o vento e os sons da noite, encaixaba coa fotografía creando unha evocadora conexión entre territorio, natureza e imaxinación.
Os premios foron entregados pola concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro, acompañada da bibliotecaria e organizadora do concurso, Nerea Calvo Mariño. Ambas destacaron que esta convocatoria “abre unha nova vía para a creación, ademais de ser un xeito distinto de animar á lectura e de dinamizar a biblioteca. Tras esta primeira experiencia, seguro que repetiremos en próximas datas relacionadas cos libros”.
Como culminación da iniciativa, as fotografías premiadas xunto cos seus correspondentes textos literarios quedarán expostas ata fin de mes no recibidor da Casa da Cultura, permitindo que a veciñanza poida descubrir as creacións e seguir gozando desta singular fusión entre imaxe e literatura.

