A Concellería de Educación do Concello de Ourense celebra o Día Internacional dos Museos (18 de maio) cun ciclo de visitas didácticas de escolares da cidade ás instalacións do Museo Municipal. Un total de 744 alumnos e alumnas de 16 colexios participan nesta actividade, na que lles acompañan artistas locais que teñen a súa obra no espazo municipal.
A actividade, incluída no programa educativo “Coñece a túa cidade”, desenvólvese en 7 sesións, desde hoxe ata o mércores. A concelleira de Educación, Tamara Silva, acompañou o alumnado que participou na visita desta mañá. Durante a xornada, os e as escolares tamén desenvolveron a súa creatividade artística realizando as súas propias versións das pezas que forman parte da colección do Museo.

