As novas liñas de autobuses melloran a mobilidade na cidade: hai menos transbordos e empezan a aumentar os viaxeiros

Redacción

O servizo encadea dous meses consecutivos de crecemento en marzo (+0,5%) e abril (+1%) tras o período de adaptación ao cambio integral

O goberno municipal salienta a eficiencia do modelo, que reduce os transbordos dende o primeiro día, logrando traxectos máis directos

As novas liñas do servizo de autobuses urbanos melloran a mobilidade na cidade, con menos transbordos, e comezan a aumentar o seu número de usuarios, durante dous meses consecutivos: en marzo e abril. Sete meses despois da implantación da nova rede de rutas, os indicadores de mobilidade confirman unha tendencia clara: “é unha rede máis simple e eficiente, con menos transbordos e cada vez máis utilizada”, destacan desde o goberno municipal.

As proxeccións apuntan a un sucesivo incremento do número de usuarios, unha vez que rematen as obras en execución en zonas importantes da cidade, como son a rúa Alejandro Pedrosa ou a Avenida de Portugal, a entrada en funcionamento da liña circular e a recuperación completa dos paneis electrónicos, que seguirán reforzando o sistema.

Cambio integral

En setembro de 2025, a cidade acometeu un cambio integral de rede, o que en planificación do transporte se coñece como big bang redesign: unha reorganización profunda de practicamente todas as liñas urbanas. Este tipo de transformacións adoitan provocar unha fase inicial de adaptación e, de feito, en moitas cidades, perdas importantes de viaxeiros durante meses. En Ourense, porén, a caída inicial foi relativamente moderada e a recuperación comezou xa en marzo e abril do presente ano.

O goberno municipal salienta que o dato máis relevante non é unicamente o acumulado temporal de viaxeiros, senón a mellora estrutural da rede. “Desde o primeiro día reducíronse notablemente os transbordos necesarios para chegar ao destino, con descensos superiores ao 20% e 30% en distintos meses. Menos transbordos significa mellores experiencias de viaxe, con rutas directas, cómodas e rápidas. E iso é precisamente o que busca unha rede moderna de transporte urbano”, aseguran.

Expectativas de aumentar un 10%

O deseño é eficiente”, subliña o goberno municipal: “e camiñamos cara a un incremento de viaxeiros de máis do 10%. Haberá melloras cando se completen as obras na Avenida de Portugal e en Alejandro Pedrosa, e se poida implantar a liña circular. Ademais, volverán estar operativos os paneis electrónicos. Esperamos bater o récord de usuarios por riba do dobre díxito”, adiantan.

ESTATÍSTICAS- EVOLUCIÓN DO TRANSPORTE URBANO

Período comparadoViaxeiros Netos (Anterior / Actual)Validacións Totais (e Transbordos)Variación %Viaxeiros (e Transbordos)
Outubro (24 vs 25)609.456 / 597.155656.843 (47.387) / 637.039 (39.884)-2,0% (-15,8%)
Novembro (24 vs 25)537.073 / 519.629577.094 (40.021) / 552.492 (32.863)-3,2% (-17,9%)
Decembro (24 vs 25)520.370 / 518.355558.624 (38.254) / 550.111 (31.756)-0,4% (-17,0%)
Xaneiro (25 vs 26)530.744 / 497.022570.177 (39.433) / 527.082 (30.060)-6,4% (-23,8%)
Febreiro (25 vs 26)528.010 / 479.402566.778 (38.768) / 509.077 (29.675)-9,2% (-23,4%)
Marzo (25 vs 26)547.001 / 549.740585.337 (38.336) / 583.731 (33.991)+0,5% (-11,3%)
Abril (25 vs 26)537.101 / 542.499586.337 (49.236) / 576.318 (33.819)+1,0% (-31,3%)
Comparte este artigo