O proxecto contou cun orzamento de 3,4 millóns de euros, financiados nun 80% polo Concello e nun 20% pola Unión Europea (Next Generation)
A intervención transforma a mobilidade e humaniza a vía, que amplía beirarrúas e incorpora novos espazos públicos e de lecer para a veciñanza
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, inaugurou esta mañá as obras de acondicionamento e mellora dos espazos urbanos na rúa Alejandro Pedrosa, no barrio do Vinteún. O proxecto, cun orzamento total de 3.419.000 euros, foi cofinanciado polo Concello, que asumiu o 80% da achega e a Unión Europea con cargo aos fondos Next Generation, a través do Goberno de España, que achegou o 20% restante.
“É unha reforma de luxo”, manifestou durante a inauguración o alcalde, Gonzalo Jácome, quen asegurou que esta é a primeira vez que se executa unha obra destas características nun dos barrios da cidade: “A alta calidade non só debe estar no centro, senón en toda a cidade, e esta obra é a primeira de moitas que imos facer”, avanzou.
A reforma supón unha completa remodelación dunha rúa “que o pedía a berros”, asegurou o alcalde, quen lembrou que “tiña beirarrúas de 70 centímetros, incluso de 60 ou 50 nalgúns tramos”. A estreitez impedía o paso de dous peóns a un tempo ou de carriños de bebé e cadeiras de rodas. “Realmente é un cambio radical. Levamos a calidade aos barrios”, engadiu.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, subliñou o carácter integral desta intervención nun “barrio clave” da cidade: “É unha gran humanización, na que tivemos en conta, sobre todo, gañar espazos para os peóns, coa finalidade de que sexa unha rúa para gozar e non un espazo escuro e duro, como era antes.”
Do mesmo xeito, Lorenzo detallou que o proxecto pon o foco na seguridade viaria e na mellora da calidade ambiental: “Tratouse de ter en conta no deseño a pacificación do tráfico, por ser unha rúa en pendente cara abaixo, para tratar de evitar que os coches circulen a gran velocidade”, concluíu o concelleiro, que incidiu no obxectivo de poñer os barrios ao mesmo nivel do centro urbano.
Os traballos de remodelación da rúa incluíron estas actuacións:
- Accesibilidade e pavimentación: Demolición do firme antigo, repavimentación das zonas afectadas e execución dun deseño en plataforma única no segundo treito da rúa.
- Novos espazos públicos: Creación dunha gran zona de estancia peonil e praza pública no cruzamento coa rúa Río Sil para humanizar a contorna.
- Seguridade viaria: Construción dunha nova glorieta na intersección das rúas Alejandro Pedrosa e Río Limia coa estrada OU-0526. .
- Sostibilidade: Acondicionamento con xardinería urbana e plantación de arredor de 60 novas árbores.
- Servizos: Renovación completa das redes de saneamento e abastecemento, e instalación de novas redes de rega, electricidade de baixa tensión, telecomunicacións e alumeado público.
A execución das obras correu a cargo da empresa ourensá Oreco Balgón, cuxos responsables agradeceron a colaboración da veciñanza durante a reforma da rúa.

