O torneo renderá homenaxe ao primeiro presidente do club e recadará fondos para a asociación Por Eles TEA
O campo municipal de Velle será o escenario este sábado, 23 de maio, da primeira edición do Memorial Antonio Varela. O torneo, organizado polo Club Deportivo Velle en homenaxe ao seu primeiro presidente, reunirá a máis de 200 futbolistas de categoría prebenxamín (6 e 7 anos) pertencentes a 16 equipos de toda a provincia.
A xornada deportiva estenderase desde as 10.00 ata as 20.00 horas. O sistema de competición constará dunha primeira fase de grupos e de eliminatorias posteriores ata chegar á gran final.
O evento terá tamén unha finalidade benéfica. As entradas terán un prezo de 5 euros, dos cales 2 euros por tícket irán destinados a apoiar o labor da asociación Por Eles TEA.
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación oficial do torneo, que conta coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e diferentes empresas.
Asistiron ao acto o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o asesor de deportes da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez. Por parte do Club Deportivo Velle participaron o presidente, Paco Sotelo e o directivo Javier Novoa, e pola asociación Por Eles TEA: Eva Guzmán (presidenta), María Dolores Losada (vicepresidenta) e Monse Salgado (vogal).

