O Gran Premio Cantóns reúne este sábado na Coruña á elite mundial da marcha atlética cun cartel de primeiro nivel internacional

Redacción

A cidade acollerá este sábado 23 a XXXIX edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns-Trofeo Sergio Vázquez, integrado no World Race Walking Tour de World Athletics

A programación arrancará o venres cunha masterclass aberta ao público a cargo da campioa olímpica María Pérez e do olímpico Jacinto Garzón nos Xardíns de Méndez Núñez

A Coruña volverá converterse esta fin de semana nun dos grandes epicentros internacionais da marcha atlética coa celebración da XXXIX edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns-Trofeo Sergio Vázquez, unha das probas de referencia do calendario mundial e integrada no World Race Walking Tour 2026 de World Athletics. A competición disputarase este sábado 23 de maio no tradicional circuíto urbano da Mariña, nunha cita organizada pola Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello da Coruña.

A proba contará cun cartel deportivo de máximo nivel internacional, con atletas procedentes de máis dunha vintena de países e varios dos mellores marchadores do panorama mundial actual. Entre os participantes máis destacados figuran o brasileiro Caio Bonfim, subcampión mundial e actual número dous do ranking internacional; o español Paul McGrath, unha das grandes referencias emerxentes da marcha europea; o ecuatoriano Brian Daniel Pintado, campión olímpico; e atletas de gran nivel procedentes de China, Xapón, México, Ecuador, Italia ou Guatemala, entre outros países.

A participación española será especialmente relevante nesta edición, con nomes destacados como Daniel Chamosa, Diego García Carrera, Álvaro López, Iván López, Óscar Martínez ou o propio Paul McGrath, cuarto no ranking mundial reflectido na inscrición oficial.

A representación galega terá tamén un protagonismo especial coa presenza de Antía Chamosa e Daniel Chamosa, dúas das grandes referencias actuais da marcha atlética galega. Ademais, o público poderá seguir de preto a participación doutros atletas destacados como Icía Ares, Nico Collazo e o plusmarquista e campión mundial Juan Manuel Morales del Castillo, reforzando así a presenza de talento vinculado ao atletismo galego nunha das grandes citas internacionais do calendario.

No apartado feminino sobresae a presenza da campioa olímpica María Pérez, unha das grandes figuras internacionais da marcha atlética e gran reclamo desta edición tanto pola súa participación deportiva como pola actividade divulgativa que protagonizará o venres xunto ao olímpico Jacinto Garzón.

Masterclass aberta ao público o venres

Como antesala da competición, o Concello e a organización impulsan unha actividade aberta á cidadanía coa celebración dunha masterclass a cargo de María Pérez e Jacinto Garzón, prevista para este venres 22 de maio ás 16.50 horas nos Xardíns de Méndez Núñez, na contorna da estatua de Curros Enríquez.

A actividade permitirá ao público coñecer de preto a preparación, técnica e experiencia de dous referentes internacionais da marcha atlética, nun encontro pensado especialmente para deportistas de base, clubs e afeccionados ao atletismo.

Ademais, o mesmo venres celebrarase a recepción oficial ás delegacións participantes no Palacio Municipal de María Pita ás 13.00 horas.

Unha das grandes citas internacionais da marcha

O Gran Premio Cantóns consolidouse ao longo das súas case catro décadas de historia como unha das competicións máis prestixiosas da marcha atlética mundial. Polo circuíto coruñés pasaron algunhas das maiores lendas deste deporte, como Robert Korzeniowski, Jefferson Pérez, Valentí Massana, Daniel Plaza ou Francisco Fernández, entre moitos outros.

A edición deste ano contará novamente cun circuíto homologado por World Athletics, cun percorrido de 1.000 metros certificado internacionalmente e cualificación A&B da World Athletics-AIMS.

A competición desenvolverase ao longo da tarde do sábado na avenida da Mariña cos seguintes horarios oficiais:
● 17.00 horas: Medio Maratón masculino
● 19.00 horas: Medio Maratón feminino
● 19.10 horas: 10 quilómetros internacional por invitación

A organización habilitará distintas zonas técnicas e de servizo para atletas, medios e público ao longo do circuíto, incluíndo área médica, zona mixta, avituallamentos, streaming, espazo de prensa, fisioterapia e zona VIP.

Seguimento en directo por streaming

O Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns poderá seguirse en directo a través de streaming en YouTube no seguinte enlace:

Streaming oficial do Gran Premio Cantóns 2026

Dispositivo organizativo e atención ás delegacións

O hotel oficial da competición será o Eurostars Atlántico e a recollida de dorsais efectuarase no Casino Sporting Club durante a xornada do sábado.

Ademais, a organización facilitará conexión directa entre o aeroporto e o centro urbano mediante a liña específica de transporte indicada para participantes e delegacións.
“O Gran Premio Cantóns é unha das citas deportivas máis prestixiosas do calendario internacional de atletismo e un orgullo para a cidade”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. O edil destacou tamén “a aposta decidida polo deporte de primeiro nivel impulsada nos últimos anos polo Goberno de Inés Rey, que permite que A Coruña volva reunir esta fin de semana á elite mundial da marcha atlética”.

O Concello da Coruña reafirma así o seu compromiso coa celebración de grandes eventos deportivos internacionais, consolidando a cidade como referencia organizativa e escaparate mundial do deporte de elite.

Comparte este artigo