• O noso concello coruñés acollerá do 29 ao 31 de maio a representantes das case 120 localidades de todo o país que participan no prestixioso festival de divulgación científica
• A presentación oficial do programa realizouse a carón do novo mural conmemorativo que está a pintar a artista local Rakele Cavallo no barrio de San Cristovo
O Concello de Carballo xa está listo para recibir o II Encuentro Pintero, un evento de carácter estatal que reunirá do 29 ao 31 de maio a unha representación dos equipos de persoas voluntarias que fan posible o festival de divulgación científica Pint of Science en case 120 localidades de toda España. O obxectivo destas xornadas é poñer en común os resultados da edición deste ano, estreitar lazos entre as sedes e desfrutar do entorno natural, a gastronomía e a cultura do noso concello.
A presentación oficial do programa tivo lugar hoxe nun marco inmellorable: fronte ao mural conmemorativo que a artista local Rakele Cavallo está a crear no barrio de San Cristovo. A obra rende homenaxe á ciencia e á identidade carballesa, e inclúe elementos tan significativos como o icónico vaso de Pint of Science, unha lata de atún Calvo (colaborador no proxecto municipal TALK0) e a Landi, a coñecida mascota de LandraCiencia.
Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e os membros da organización do festival e do encontro Iván Andrade (concelleiro de Innovación), Daniel Barreiro (concelleiro de Mocidade) e Cristina Abelleira (responsable de Comunicación do Concello), ademais da propia artista plástica.
Ciencia, patrimonio e arte urbana
O II Encuentro Pintero conta co patrocinio do Concello de Carballo e da Unión Europea, a través do proxecto TALK0, e a colaboración das Escolas de Balonmán Xiria para a recollida dos asistentes que cheguen aos polos de transporte da Coruña e Santiago de Compostela.
O programa de actividades combina as sesións de traballo técnico coa posta en valor do territorio:
• Venres 29 de maio: a fin de semana comezará cunha inmersión na tradición local a través dunha visita guiada ao curtidoiro tradicional de Sofán (17:00 h), seguida dunha sesión de networking e tapeo na Tasca Loirasa.
• Sábado 30 de maio: O prato forte institucional terá lugar no emblemático Pazo de Vilar de Francos (Artes). Ás 10:00 h iniciarase a reunión oficial dos equipos de Pint of Science para avaliar o festival, seguida dun xantar de convivencia no propio recinto. Pola tarde (18:00 h), os divulgadores realizarán unha visita guiada ao festival de arte urbana Rexenera Fest, onde poderán charlar e interactuar cos artistas da edición 2026 para coñecer as súas técnicas e creacións. A xornada pechará ás 22:00 h cunha Verbena Pintera na Praza do Concello, amenizada polo Dúo Veneguay.
• Domingo 31 de maio: O encontro despedirá a fin de semana na costa, cun almorzo en Razo ás 10:00 h, seguido dunha visita á tradicional feira dominical de Carballo e outros lugares de interese da localidade.
Ciencia, territorio e boa compañía
“O II Encuentro Pintero vai máis alá dunha simple reunión de balance. É un espazo estratéxico para compartir sinerxías, poñer en común ideas innovadoras e seguir fortalecendo redes de colaboración científica en todo o país”, apuntou Iván Andrade. O concelleiro de Innovación tamén manifestou que este evento “non só demostra a capacidade organizativa do noso concello, senón tamén o compromiso que temos con proxectos que achegan o coñecemento á rúa dun xeito accesible, ameno e participativo”.
O alcalde, pola súa banda, expresou a “firme crenza” do goberno municipal en que “o progreso dun municipio depende de saber reter e potenciar o talento local, o que chamamos ‘Talento Quilómetro Cero’. Que mellor xeito de visibilizalo que fusionando a ciencia co noso patrimonio industrial en Sofán, coa nosa contorna natural en Razo ou con esa gran marca de identidade que é a arte urbana do Rexenera Fest. Ciencia e territorio son a combinación perfecta para dinamizar a nosa economía e proxectar Carballo cara ao futuro”, asegurou Daniel Pérez.
Coa celebración deste segundo encontro nacional, Carballo consolida a súa firme aposta polo trinomio ciencia-territorio-boa compañía, e volve demostrar que a divulgación do coñecemento científico pode ser un motor clave de dinamización cultural, turística e social no noso concello.

