O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, clausurou este sábado a 36 edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidados que se celebrou no Pazo de San Marcos. Xunto ao Presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José María Faílde, e outras autoridades deu por pechada esta cita que encheu o Salón de Actos e reuniu a preto de 50 relatores e profesionais sanitarios, investigadores en envellecemento e ciencias sociais, xestores e responsables de políticas públicas e servizos sociosanitarios e persoas interesadas nos modelos de atención integral.
“Unha sociedade verdadeiramente avanzada é aquela que sabe coidar, acompañar e escoitar e que entende o valor de toda unha vida”, valorou o Deputado para poñer fin a unha xornada na que a propia Deputación foi protagonista. Nunha das mesas redondas, a institución provincial tivo a oportunidade de difundir o seu modelo de residencias, centros de pequeno tamaño, asentados no rural da provincia e centrados nas persoas.

