Último día para apuntarse na Ruta ciclista en familia deste domingo en San Sadurniño

Redacción

O Concello e o club MTB Biela e Chaveta teñen programado un amplo calendario de eventos deportivos até empezos de outubro

A área municipal de Deportes e o club Biela e Chaveta estrearán este domingo o programa “Sansa en rodas” que incluirá varias citas coa bicicleta até o mes de outubro. A primeira será a tradicional Ruta ciclista en familia, que sairá este domingo do CPI ás 11:00h para dar unha volta de algo máis de 15 quilómetros de percorrido moi lixeiro e apto para case calquera idade. O prazo para anotarse remata este martes ás 14:00h a través do formulario en liña publicado polo Concello. Por cuestión de seguridade limitouse a participación a un máximo de 140 persoas entre rapazada (maiores de 6 anos) e adultas.

O trazado son exactamente 15,8 quilómetros circulando por pistas asfaltadas e algún que outro camiño. É unha distancia idéntica á do ano pasado, onde se buscaron combinacións sen practicamente costas e, de haber algunha, que fose doada de sortear aínda que non se tivese moito costume de andar na bici. Ademais, ao ser unha saída familiar para ciclistas a partir de 6 anos, tamén se coidou de que fose un percorrido levadeiro para a rapazada que anda en bicis coa roda máis pequena.

O punto de encontro volverá ser o CPI de San Sadurniño, desde onde se tirará por Marqués de Figueroa cara á capela do Belén e a Agra de Abaixo ata saír á estrada de Pedroso. Logo o grupo ciclista circulará polo paseo fluvial ata o Mesón A Granxa, onde collerá a estrada de Ferreira ata a Camba e, unha vez alí, desviarase pola estrada de Moeche. Uns 800 metros máis adiante deixarase o firme aglomerado para meterse nunha pista forestal á dereita e baixarase ata Ramil e o fondo de Lamas, proseguindo logo cara á área recreativa, onde se fará a parada para un avituallamento de bebida e froita.

Despois de recuperar folgos emprenderase a volta tirando cara a Ramil, pasando logo entre as plantacións de arandos de Prospes e saíndo de novo á estrada de Ferreira en Pontellas, con destino ao CPI.

Será obrigatorio usar casco e recoméndase levar chaleco ou roupa de cores vivas, posto que o traxecto se realizará sen cortes nin restricións do tráfico. Aínda con iso, o pelotón levará na cabeza o vehículo municipal de emerxencias e na cola un dos furgóns de obras, cumprindo a función de sinalizar a marcha e, ao mesmo tempo, marcando un ritmo que todas as persoas participantes poidan manter. A participación na actividade é gratuíta e inclúe seguro.

O último día para anotarse é este martes 26 de maio ás 14:00h. A inscrición deberá facerse cubrindo este formulario en liña.

E máis bici (moita máis) até comezos do outono
Na organización colabora o Club MTB Biela e Chaveta, quen deseñou a ruta e tamén irá canda o pelotón anticipándose para cortar puntualmente os cruzamentos de estradas, coa finalidade de facilitar a incorporación ás vías principais. Ademais, os membros do club tamén se asegurarán en todo momento de que todas as persoas participantes poden seguir a marcha sen maior problema e, de ser necesario, manteranse ao lado de calquera ciclista que poida quedar algo máis atrás.

Biela e Chaveta leva varios anos traballando duro para ofrecer un calendario estable de citas ciclistas adaptadas a todas as idades e niveis de esixencia, ademais de levar a cabo o labor fundamental de limpar, sinalizar e manter unha grande trama de rutas que poden facerse en bici ou correndo sen saír de San Sadurniño.

Neste sentido, o club tamén se ocupa da parte técnica e loxística da V BTT Concello de San Sadurniño do 14 de xuño, á que se lle arrimarán o mesmo día o III Trail de Montaña e unha Andaina desde Igrexafeita, dentro dun macroevento deportivo denominado “Entre corredoiras, toxos e xestas”.

Máis adiante, o domingo 19 de xullo, o Concello e a entidade promoven a I Ruta dos Castelos dando unha grande volta por Moeche, As Somozas e San Sadurniño.

O venres 7 de agosto tocará volver subir á bici para a terceira edición da esixente Cronoescalada Sanrockeira, que este ano tamén terá versión a pé.

Por último, esta cumprida temporada de eventos ciclistas rematará o venres 2 de outubro coa Ruta nocturna BTT.

Comparte este artigo