O Concello e o Real Club Deportivo celebran hoxe en María Pita a volta do conxunto branquiazul á Primeira División

Redacción

A recepción institucional ao club terá lugar ás 19.00 horas, no Palacio Municipal. Xa a continuación, está prevista a saída dos xogadores ao balcón de María Pita, para festexar o ascenso á máxima categoría

O Concello e o Real Club Deportivo ultiman os preparativos de cara ás celebracións previstas hoxe, en María Pita, polo ascenso do conxunto herculino á Primeira División, rubricada onte tras a vitoria do equipo branquiazul en Valladolid.

A programación de actos deste luns comezará ás 19.00 horas. A alcaldesa, Inés Rey, presidirá a recepción institucional á directiva, corpo técnico e xogadores no Salón de Sesións do Palacio Municipal, que irá seguida da tradicional saída ao balcón do Palacio para festexar coa cidadanía a volta do Deportivo á máxima categoría do fútbol nacional. Inés Rey convidou ás coruñesas e coruñeses, así como a todas e todos os siareiros do club, a achegarse á praza de María Pita para vivir e disfrutar este fito que marca un novo episodio histórico no percorrido do Deportivo, que neste 2026 cumpre 120 anos de vida: “O Dépor é moito máis que un club. É unha forma de vivir, un sentimento conectado coa identidade da nosa cidade, que traspasa fronteiras e representa á Coruña en todo o mundo. Agora, o club volve con forza e moi merecidamente ao seu lugar natural: o máis alto nivel”.

Os traballos para habilitar a praza de cara ás celebracións puxéronse en marcha esta mañá, coa instalación dos valados perimetrais de seguridade nos arredores de María Pita.

Ademais, habilitarase nun dos laterais da praza un espazo específico PMR, en elevación, concibido para que persoas con mobilidade reducida podan asistir aos festexos con todas as garantías de seguridade, nunha superficie adaptada e con visibilidade.

Neste sentido, o Concello recomenda á cidadanía desprazarse con antelación ao acto, para evitar aglomeracións nos accesos principais á praza e a súa contorna.

Cómpre lembrar, ademais, que a celebración desta tarde en María Pita tamén se poderá seguir por streaming, a través da web do Concello e tamén na súa canle de YouTube.

Comparte este artigo