Estas actuacións permitirán mellorar a visibilidade, reforzando a seguridade peonil e do tráfico rodado
Os traballos continuarán nas próximas semanas noutras parroquias do municipio
O Concello de Fene iniciou os traballos de repintado da sinalización viaria horizontal na parroquia de Fene, dentro das actuacións de mantemento e mellora da seguridade vial que se están a desenvolver no municipio.
Estas labores inclúen o repintado de pasos de peóns, prazas de estacionamento, zonas amarelas, marcas viarias e outros elementos de sinalización horizontal, que co paso do tempo sufriron desgaste debido ao uso continuado a ás condicións meteorolóxicas.
Desde o Concello destacan que estas actuacións teñen como principal obxectivo mellorar a visibilidade da sinalización e reforzar a seguridade tanto para peóns como para persoas condutoras, contribuíndo a unha circulación máis segura e ordenada.
O concelleiro de Servizos, Adán Chao, sinalou que “o mantemento da sinalización viaria é fundamental para garantir condicións adecuadas de seguridade no día a día, especialmente en puntos con maior tránsito peonil e rodado”. O edil explicou ademais que “estes traballos forman parte dun plan progresivo de mellora que continuará nas distintas parroquias do municipio”.
Os traballos continuarán nas próximas semanas noutras zonas do concello, co propósito de realizar un repintado progresivo en todo o termo municipal e manter en boas condicións a sinalización viaria.
Desde o Concello de Fene solicítase comprensión á veciñanza polas posibles molestias puntuais derivadas da execución destas actuacións e lémbrase a importancia de respectar tanto a sinalización provisional como as restricións temporais de estacionamento mentres duren os traballos.

