O centro socioeducativo conta coa cifra máis alta de reservas dos últimos anos
O Concello de Neda posibilita dende xa a inscrición de novo alumnado na Escola infantil municipal de cara ao curso 2026-2027, ao non cubrirse no período oficial a totalidade das prazas ofertadas. A pesar do substancial incremento das reservas efectuadas- a cifra máis alta dos últimos anos- o servizo socioeducativo segue a contar con algunhas vacantes que a administración local espera ir cubrindo.
Apuntan dende o Concello que se admitiron 32 das 34 reservas efectuadas de cara ao próximo ano polo que, como en exercicios anteriores, tramitaranse novas solicitudes de praza ata completar as ratios das aulas existentes. A falta de que se materialice a matrícula, o grupo de 1 a 2 anos está xa completo e quedarían catro vacantes tanto no dos bebés como no de 2 a 3 anos.
O servizo municipal, que manterá a súa gratuidade, abre os doce meses do ano, e ofrece ás familias xornadas adaptadas ás súas necesidades de conciliación. A escola aposta polo xogo e a experimentación como estratexias para a aprendizaxe e incide na alimentación saudable, contando con cociña propia.
A escola infantil municipal, situada xunto ao instituto local, vai destinada de forma preferente a familias empadroadas no municipio. Os trámites para acceder ao servizo deben facerse no rexistro xeral do Concello, ben de forma presencial na Casa Consistorial, ben a través da sede electrónica.
O Concello fai un investimento anual que rolda os 200.000 euros para garantir o axeitado funcionamento deste centro, a achega autonómica para o curso actual quedouse en algo máis de 52.000 euros.

