A Deputación apoiará o Festival De Cabo a Cabo, unha gran celebración cultural arredor do partido España – Cabo Verde

Redacción

A cita organizada polo colectivo Fanto Fantini, que se celebrará o 15 de xuño, converterá Burela nun punto de encontro entre Galicia e o país africano a través da música, da creación contemporánea e da convivencia

A Deputación de Lugo apoiará o vindeiro 15 de xuño en Burela o Festival De Cabo a Cabo, unha proposta cultural e comunitaria que nace arredor dun acontecemento histórico para a localidade e para toda a Mariña: o partido entre España e Cabo Verde do Mundial 2026. A iniciativa, impulsada polo colectivo Fanto Fantini, converterá diferentes espazos públicos da vila nun gran punto de encontro entre culturas a través da música, da arte, da gastronomía e da convivencia.
A Presidenta da Deputación, Carmela López Moreno, destaca que “Burela representa unha das mellores versións da provincia de Lugo: unha terra aberta, integradora e orgullosa da diversidade que a fai medrar”. López pon en valor “a capacidade desta vila para construír comunidade desde o respecto e desde a convivencia, onde o 10% da poboación ten orixes caboverdianas” e asegurou que iniciativas como De Cabo a Cabo “proxectan ao exterior unha provincia moderna, viva e conectada coa realidade social do presente”.
Coincidindo coa celebración do encontro deportivo entre España e Cabo Verde, o festival ofrecerá unha programación que combinará concertos, creación contemporánea, retransmisión do partido en pantalla xigante, showcookings, actividades deportivas, artesanía, mesas de debate e diferentes espazos de encontro cidadán arredor dunha realidade que forma parte da identidade de Burela desde hai décadas.
Nun municipio de apenas 10.000 habitantes convive unha das comunidades caboverdianas máis importantes de Galicia, convertendo a localidade mariñá nun símbolo de integración e mestizaxe cultural. O festival nace precisamente coa vontade de celebrar esa identidade compartida e de reivindicar a diversidade como un valor social, cultural e tamén económico para a comarca e para o conxunto da provincia.
Impulsado por Fanto Fantini, coa dirección creativa do burelés Anxo Ferreira e co apoio tamén do Concello de Burela, De Cabo a Cabo aspira a consolidarse como unha das propostas culturais máis singulares do verán galego. “Este festival fala do que somos como provincia e tamén do que queremos ser”, sinalou Carmela López, quen incidiu en que “a cultura ten a capacidade de unir, de crear vínculos e de abrir espazos de encontro fundamentais nun momento no que o mundo necesita máis diálogo e máis convivencia”.
Baiuca, dos primeiros confirmados
Entre os primeiros nomes confirmados figura Baiuca, un dos proxectos musicais galegos con maior proxección internacional da última década e referente da fusión entre tradición e electrónica contemporánea. O cartel contará tamén con artistas ligados ás escenas afroatlánticas e electrónicas actuais como DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya.
A programación incluirá ademais unha gran instalación artística colectiva coordinada por Alicia Alonso, coa colaboración do Instituto Monte Castelo e da Confraría de Pescadores de Burela, que cederá centos de metros cadrados de rede de pesca para transformar un dos elementos máis representativos da identidade mariñeira da vila nun espazo de creación contemporánea.
Con esta iniciativa, a Deputación de Lugo reforza o seu apoio a proxectos que conectan territorio, identidade e innovación, ao tempo que proxectan unha imaxe da provincia vinculada á diversidade, á creatividade e á convivencia.

Comparte este artigo