A liña 7 volverá circular pola rúa de Alejandro Pedrosa, tras a súa reforma, e a liña 3 estende a ruta ata o Hotel Auriense
A lanzadeira do Pino suprimirase por falta de usuarios
O Concello de Ourense activará nos próximos días tres modificacións no servizo de autobuses urbanos.
Desde o luns, 1 de xuño, a liña número 7 “Cudeiro – A Valenzá” volverá circular pola rúas de Alejandro Pedrosa, unha vez rematadas as obras de remodelación desta vía executadas polo Concello, e Quintián. Os traxectos polo barrio do Vinteún serán estes:
- Ida: Río Limia, Alejandro Pedrosa, Quintián e Río Arnoia.
- Volta: Río Arnoia, Quintián, Santa Teresita, Alejandro Pedrosa e Río Limia.
Tamén desde o luns, a liña número 3 “Santa Cruz – O Cumial” estenderá o seu percorrido ata o Hotel Auriense, onde se activará unha nova parada que conectará este establecemento co centro da cidade e a estación intermodal. A liña de autobús municipal non entrará no concello de San Cibrao, onde ata o de agora entraba e saía sen recoller viaxeiros. A parada que se atopaba nas proximidades do Bar Mesón trasladarase uns 150 metros cara a unha nova, no cruzamento coa rúa da Rabeda.
Ademais, desde esta fin de semana o Concello suprimirá por falta de usuarios, o servizo provisional de lanzadeira posto en marcha no barrio do Pino hai 9 días. O Concello activara este servizo por petición de veciños da zona, afectados polo corte de tráfico provocado polas deficiencias e atrasos na execución das obras dependentes do Estado na estrada de Vigo.
O servizo, que conectaba as Torres do Pino co centro de saúde e a estación intermodal con frecuencias cada 15 minutos, converteuse nun “autobús pantasma, coa menor ocupación da historia dos urbanos de Ourense, e unha media duns 10 viaxeiros”, sinalan desde o goberno municipal, que conclúen que a baixa ocupación rexistrada pon de manifesto que este servizo “non reflectía unha demanda real”. O minibús realizará a súa última viaxe o venres, 29 de maio.

