A Xunta de Goberno Local aprobou 25 acordos en dúas sesións celebradas este mediodía no Concello

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 24 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu a mediodía de hoxe no salón de plenos.

Licenzas (6). Concedeu as licenzas urbanísticas para a adaptación de baixos para o cambio de uso a vivenda nas rúas de Marcelo Macías, do Serán, Vasco Díaz Tanco e Velázquez, e para a rehabilitación dunha construción existente para o seu uso como garaxe na rúa dos Frades, no núcleo de Souto Sanín. Tamén deu o visto e prace á primeira ocupación por legalización de usos dunha vivenda tipo dúplex na Avenida da Habana.

Patrimonio (2). Inadmitiu dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial

Contratación (1). Acordou adxudicar á UTE SA de Obras y Servicios, Copasa, SA e Setec Building SL, Unión Temporal de Empresas,abreviadamente UTE Eco Auriense, o contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense, de acordo cos pregos de prescricións técnicas e administrativas aprobados por acordo da Xunta de Goberno Local e as ofertas presentadas, por resultar a de mellor calidade – prezo (15.222.914,91 €/ ano, IVE engadido, o que supón unha baixa dun 6,15%). Tamén se aprobou o reaxuste das anualidades do contrato: desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de xuño de 2036.

Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobou unha relación de facturas correspondentes a gastos realizados en 2025 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no dito exercicio (expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos XGL 05/2026).

Transportes (1). Engadir na denominación da tarxeta multiviaxe para estudantes a condición de título xove, de xeito que pasa a denominarse Tarxeta Milenio Estudantes Xoveen lugar de Tarxeta Milenio Estudantes.

Avogacía Consistorial (12). Deu conta de 8 sentenzas ditadas polos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, Prazas número 1 e 2 de Ourense. Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer e persoarse en calidade de demandado diante destes mesmos tribunais en 4 procedementos abreviados.

Fóra da orde do día (1). A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a Oferta de Emprego Público do Concello de Ourense correspondente ao exercicio 2026 por promoción interna. Inclúe estas prazas: 9 auxiliares administrativos, 3 administrativos, 4 inspectores da Policía Local, 4 oficiais de policía e 1 sarxento de Incendios.

Sesión extraordinaria

A continuación, nunha sesión extraordinaria que se desenvolveu ás 13.45 horas, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar as bases reguladoras e a convocatoria do procedemento para outorgar a autorización demanial, en réxime de concorrencia, para instalar e explotar unha barra de bar durante a celebración das Festas de Ourense 2026.

Comparte este artigo