O Partido Popular de Ourense presentará no próximo pleno da Deputación unha moción propia para impulsar o desenvolvemento industrial da provincia despois de que o grupo provincial socialista rexeitase incorporar a emenda presentada polos populares á súa iniciativa sobre equidade territorial nos proxectos industriais estratéxicos e captación de investimentos
O PP de Ourense presentará unha moción propia para impulsar o desenvolvemento industrial da provincia tras o rexeitamento da súa emenda por parte do Grupo Provincial do PSOE, que non quixo aceptar a proposta de mellora dos populares á súa iniciativa.
Deste xeito, o Partido Popular de Ourense presentará no próximo pleno da Deputación unha moción propia para impulsar o desenvolvemento industrial da provincia despois de que o grupo provincial socialista rexeitase incorporar a emenda presentada polos populares á súa iniciativa sobre equidade territorial nos proxectos industriais estratéxicos e captación de investimentos.
A proposta do PP apostaba por complementar a moción socialista con medidas concretas e realistas orientadas a reforzar a competitividade industrial de Ourense, incidindo especialmente na colaboración entre administracións e na mellora das infraestruturas e do chan empresarial.
Entre as iniciativas formuladas polos populares figuraba solicitar á Xunta de Galicia que continúe a execución e priorice as infraestruturas e o chan industrial da súa competencia na provincia, destacando áreas empresariais xa consolidadas e en fase de ampliación como San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar ou O Carballiño-Maside, así como outras zonas en desenvolvemento, como o parque empresarial de Paderne de Allariz.
A emenda tamén recollía a necesidade de reforzar a promoción exterior do potencial industrial ourensán mediante a prospección de mercados internacionais e a participación activa do Igape na captación de novos investimentos.
Ademais, os populares reclamaban ao Goberno central actuacións urxentes en infraestruturas estratéxicas para a provincia, entre elas a estación de mercadorías do polígono de San Cibrao das Viñas, o impulso definitivo da autovía A-76 e a mellora de vías estatais fundamentais para a actividade económica e industrial, como as estradas N-120 e N-540, que presentan importantes deficiencias no seu firme.
A vicepresidenta do PP de Ourense, Marta Nóvoa, lamentou a falta de disposición ao diálogo por parte do grupo socialista. “Non podemos facer brindes ao sol cunha moción que non aporta nada. Nós presentamos unha emenda para sumar, con propostas concretas e medidas que implican tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno de España”, explicou.
Nóvoa criticou tamén que “haxa quen pretenda trasladar a idea de que non existe industria en Ourense, algo que é falso e profundamente inxusto co tecido empresarial da nosa provincia”, ao tempo que considerou que o rexeitamento da emenda responde á vontade de evitar reclamacións ao Executivo central.
“O PP sempre estará ao carón da creación de industria na nosa provincia. E se esta emenda non sae adiante, traerémola en forma de moción a este pleno”, anunciou.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, subliñou que “se algo temos claro é que o Partido Popular sempre estará ao carón da creación de industria e do emprego. Por iso traballamos con datos obxectivos e con propostas concretas que permitan seguir avanzando no desenvolvemento económico da provincia”.
Menor engadiu que “non hai persoas máis sensibles co desenvolvemento industrial de Ourense que as que conformamos o PP de Ourense, porque coñecemos de primeira man as necesidades dos nosos concellos e das nosas empresas e porque cremos firmemente no potencial desta provincia para seguir xerando oportunidades”.

