Brais Sánchez, con pe e medio en Rumanía tras proclamarse campión absoluto sénior k2 no Campionato de España

Redacción

O Concello felicita ao piragüista local polo seu novo éxito deportivo

O Concello de Vilaboa felicita ao piragüista local Brais Sánchez polos seus resultados no Campionato de España no que conseguiu un excelente resultado ao ser campión sénior absoluto en K2. Este resultado consolida a excelente tempada para o palista local, que a falta de confirmación oficial, representará a selección Española no Campionato Europeo, que se disputará en Rumanía.

Na proba sénior, Sánchez mostrou unha vez máis o seu alto nivel competitivo, medíndose con deportistas de elite e mantendo a súa solvencia nas grandes citas nacionais.

A traxectoria recente de Sánchez inclúe varios cambios significativos. Despois de 25 anos defendendo as cores do Club Piragüismo Vilaboa, decidiu unirse ao Club Los Rápidos Jaire de Arriondas co obxectivo de formar equipo en K2 co seu amigo Emilio Llamedo para participar no tradicional Descenso Internacional do Sella, unha das probas máis emblemáticas do calendario nacional.



Tras esa experiencia asturiana, o piragüista optou por regresar a Galicia para integrarse no Club Rías Baixas de Boiro. Esta decisión respondía á súa vontade de afrontar a competición cunha perspectiva diferente, segundo el mesmo explicou, para “xubilarse” deportivamente nun proxecto no que aportar a súa experiencia acumulada e adestrar con menor presión competitiva.



Foi precisamente con este enfoque máis relaxado cando Sánchez alcanzou algúns dos seus resultados máis destacados a nivel internacional. No último ano logrou un notable quinto posto no Campionato do Mundo de Maratón, así como medallas de ouro e prata no Mundial de Barco Dragón 2024, consolidando a súa versatilidade e capacidade para competir con éxito en distintas modalidades. Estes logros demostran a calidade e consistencia do deportista de Vilaboa, que continúa colleitando éxitos e representando con orgullo á súa localidade en competicións nacionais e internacionais. Con todo, Sánchez lamenta as dificultades que afrontan os piragüistas para atopar patrocinios, fundamentais para cubrir desprazamentos e adquirir material técnico imprescindible para competir ao máximo nivel.

Comparte este artigo