A memoria de Paquiño de Figueiró reúne a Tomiño arredor dunhas xornadas aos 90 anos do seu asasinato

Redacción

O Concello traballa nun encontro arredor da memoria democrática que reunirá voces da investigación, da xustiza e da defensa dos dereitos humanos.

Hoxe cúmprense 90 anos do asasinato de Francisco Rodríguez Otero, Paquiño de Figueiró, unha figura fundamental do agrarismo e do galeguismo no Baixo Miño. Con motivo deste aniversario, o Concello de Tomiño está a preparar unhas xornadas de memoria democrática que permitirán recuperar a súa traxectoria e abrir unha reflexión colectiva sobre a represión de 1936, a dignidade das vítimas e a importancia de coñecer o pasado.

O encontro, no que se traballa para reunir voces procedentes da investigación, da xustiza, da cultura e da defensa dos dereitos humanos, terá na figura de Paquiño o punto de partida para achegar á veciñanza a historia das persoas que defenderon os dereitos e as liberdades e sufriron a violencia da represión. O Concello está a concretar o programa e a coordinar a participación das persoas convidadas, polo que se dará a coñecer proximamente as datas e os detalles das xornadas.

A alcaldesa, Sandra González, destaca que «este aniversario é unha oportunidade para devolverlle a Paquiño o lugar que merece na nosa memoria colectiva e para achegar a súa historia ás novas xeracións. Coñecer o que aconteceu, recoñecer as vítimas e comprender o que defenderon é tamén unha maneira de coidar a democracia que compartimos hoxe».

A traxectoria de Paquiño de Figueiró atravesa boa parte das loitas sociais e políticas que marcaron Tomiño nas primeiras décadas do século XX. Participou nas mobilizacións contra os foros e o caciquismo, presidiu a Federación Agraria de Tomiño e exerceu como secretario da Federación Agraria Comarcal de Tui, contribuíndo á organización do campesiñado e á defensa das súas reivindicacións. A súa actividade estendeuse tamén á prensa, como correspondente e colaborador de distintas publicacións e como director de Agro del Miño, vinculada á Federación Agraria de Tomiño.

O seu compromiso co galeguismo tivo igualmente un papel destacado na vida política local. Impulsou o Comité Autonomista de Tomiño en 1931 e participou activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936, coordinando o comité local e formando parte do traballo desenvolvido no Baixo Miño.

A sublevación militar truncou a súa vida e a de tantas outras persoas comprometidas coa sociedade do seu tempo. Detido o 29 de xullo de 1936, Paquiño foi sacado do cárcere de Tui e asasinado en Mondariz o 4 de outubro, xunto co mestre de Forcadela Hipólito Gallego Camarero, o concelleiro galeguista de Tomiño Manuel Piñeiro Zúñiga e os obreiros de Tui Fernando Rubio Estévez, Domingo Páramos Núñez e Manuel Pérez Besada.

Noventa anos despois, o Concello quere que a lembranza destes feitos se traduza nun espazo de coñecemento e diálogo aberto á cidadanía. As xornadas abordarán tamén o valor da memoria no presente, nun contexto no que o avance dos discursos de extrema dereita e a banalización das ditaduras fan necesario seguir defendendo os dereitos humanos e os principios democráticos.

Comparte este artigo