Soutomaior retoma o programa de normalización lingüística ‘Goza do teu Punto G’ cunha ampla programación cultural en galego

Redacción

O espectáculo ‘Meigas’, de Arantxa Treus e Jazmín Abuín, inaugurou onte a continuidade, tralo parón do verán, da segunda edición desta iniciativa municipal, que traerá ao municipio cinco novas propostas teatrais durante os meses de outubro e novembro.

O Concello de Soutomaior retomou onte a actividade do programa de normalización lingüística ‘Goza do teu Punto G. O galego dáche un punto’, continuando esta segunda edición que segue apostando polas artes escénicas, a música e a cultura como ferramentas para promover o uso da lingua galega e achegala á veciñanza.

A programación inaugurouse co espectáculo ‘Meigas’, protagonizado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín, coñecidas como Sobria e Serena, que ofreceron ao público unha proposta de humor e reflexión a través do monólogo. Un espectáculo que conseguiu un cheo absoluto no Multiúsos con milleiros de risas.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de dar continuidade a este programa, que busca fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da vida cotiá. “Con esta campaña animamos a toda a veciñanza a gozar do seu punto galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día. Por iso, levaremos adiante actividades e iniciativas de promoción do galego na Administración pública e propostas de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país, que nos van dar un punto en galego e animarnos a gozar dese punto G do idioma”, sinalou.

O Concello impulsará estas accións a través das diferentes áreas municipais que proxectan e conectan directamente coa cidadanía, cunha programación cultural que abrangue espectáculos dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao público infantil e familiar, coa participación de compañías e artistas de referencia da escena galega.

A continuidade desta segunda edición de ‘Goza do teu Punto G’ segurirá os meses de outubro e novembro cunha completa axenda de espectáculos:

11 de outubro, ás 17:30 horas: ‘Mariñeiras’, de A Cova das Letras, unha proposta dirixida ao público familiar.

18 de outubro, ás 17:30 horas: ‘Berenguela na gaiola’, de Xarope Tulú, en colaboración co Centro Dramático Galego.

23 de outubro, ás 20:30 horas: ‘Os Inocentes’, de Quico Cadaval.

6 de novembro, ás 20:30 horas: ‘A ver que pasa’, o monólogo de Evaristo Calvo.

13 de novembro, ás 20:30 horas: ‘Enredadas’, o monólogo de Leti da Taberna, que pechará esta segunda edición do programa.

Todos os espectáculos serán de balde ata completar a capacidade do aforo, e as portas abrirán media hora antes do comezo de cada función.

Con esta iniciativa, o Concello de Soutomaior reafirma o seu compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, apostando pola cultura como espazo de encontro, participación e dinamización social, e facendo do galego unha lingua viva, presente e protagonista tamén no lecer da veciñanza.

Comparte este artigo