– A Xunta de Goberno celebrada este venres tamén deu luz verde a dous novos proxectos para mellorar por case 600.000€ a LU-P-4706, que conecta o núcleo de Pacios da Veiga coa parroquia de Santa Cruz, na Pobra do Brollón; e a LU-P-6513 que vai desde o municipio de Vilalba ata o límite provincial, pasando por Momán
– Aprobada tamén a convocatoria e as bases específicas para o ingreso de dúas prazas de Enxeñeiro Técnico Agrícola mediante o sistema de concurso oposición libre
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do subministro de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Becerreá por 1.058.847,70€. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou desta actuación tras a reunión semanal, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, e detallou ademais, que o contrato divídese nos seguintes lotes:
- Lote 1 para mobiliario, aparatos electrodomésticos e produtos de limpeza.
- Lote 2 para equipamento e artigos médicos, farmacéuticos e de hixiene persoal.
- Lote 3 para material de lavandería.
- Lote 4 para cortinas e material téxtil.
- Lote 5 para sinais e artigos relacionados.
Rivera Capón recordou que “este mércores constituíuse a comisión de seguimento do convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación e o propio Concello de
Becerreá para a posta en marcha deste Centro. Con esta licitación seguimos avanzando na preparación da Residencia para a súa entrada en funcionamento” e fixo especial fincapé en que “nos últimos anos vimos desenvolvendo unha intensa actividade administrativa, técnica e xurídica para facer posible a súa apertura”.
Mobilidade
No que ten que ver coa mobilidade, Pablo Rivera avanzou que “a mellora da rede viaria sempre foi e seguirá sendo unha prioridade clara. Para nós, investir en mobilidade é tamén investir en cohesión territorial”. Nese sentido, a institución provincial licitou novos proxectos por 586.113,23€ para arranxar dúas estradas provinciais:
En primeiro lugar, aprobáronse 247.716,95€ para levar a cabo as obras de reparación da totalidade da LU-P-4706, no municipio da Pobra de Brollón. “Trátase da vía que conecta o núcleo de Pacios da Veiga coa parroquia de Santa Cruz de Incio. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos e repavimentación.”
En segundo lugar, licitouse por 338.396,28€ a reparación dun treito da LU-P-6513, en Vilalba. Nesta vía mellorarase un tramo de practicamente 2 quilómetros -do 2,125 ao 4,000- que vai desde este municipio ata o límite provincial, pasando por Momán. Neste proxecto inclúese a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización. O prazo de execución de ambas obras, tanto a de a Pobra de Brollón como a de Vilalba, é de catro meses.
O Deputado Provincial sinalou que estes traballos en Vilalba “dan continuidade a outras obras que xa acometemos nesta mesma vía e cos que arranxamos dous treitos: un desde o inicio da estrada ata a rotonda que dá acceso á A8; e outro desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3 no que se realizou a reposición da sinalización horizontal”.
Emprego
A reunión deste venres da Xunta de Goberno tamén deu luz verde á aprobación da convocatoria e as bases específicas para o ingreso de dúas prazas de Enxeñeiro Técnico Agrícola mediante o sistema de concurso oposición libre. Pablo Rivera avanzou que as persoas interesadas poderán consultar toda a información deste proceso selectivo na páxina web da institución provincial e no Boletín Oficial da Provincia.

