Jorge Bustos alerta de que o Arde Lucus carece de Plan de Autoprotección e denuncia que a organización da festa está a desenvolverse sen dirección técnica municipal

Redacción

O concelleiro socialista advirte de que a celebración máis multitudinaria e internacional de Lugo debe contar cun Plan de Autoprotección actualizado e cunha Xunta Local de Seguridade convocada con suficiente antelación

Bustos considera “moi preocupante” que a organización do 25 aniversario do Arde Lucus estea avanzando sen unha dirección técnica claramente identificada e sen a participación dos servizos municipais especializados

“Candia está convertendo unha festa que require planificación, coordinación e rigor nun exercicio de improvisación permanente que pon en risco a calidade organizativa dun dos principais eventos de Galicia”

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos expresou hoxe a súa profunda preocupación pola situación organizativa do Arde Lucus a poucos días da celebración da súa edición máis simbólica, coincidindo co 25 aniversario dunha festa declarada de Interese Turístico Internacional e convertida nun dos principais motores económicos, culturais e turísticos da cidade.

Bustos lembrou que durante a fin de semana do Arde Lucus Lugo chega a duplicar a súa poboación habitual, recibindo milleiros de visitantes procedentes de toda España e do estranxeiro, o que obriga ás administracións públicas a extremar a planificación e as medidas de seguridade. “Estamos falando do evento máis importante da cidade desde o punto de vista turístico e económico. Precisamente por iso resulta especialmente grave a sensación de improvisación que está trasladando o actual Goberno municipal”, afirmou.

O edil socialista advertiu de que, segundo a información da que dispón o seu grupo, o Arde Lucus continúa sen contar cun Plan de Autoprotección debidamente elaborado, aprobado e coordinado para esta edición. Bustos lembrou que a normativa autonómica establece a obrigatoriedade de redactar este documento para eventos multitudinarios celebrados en espazos abertos cando se superan determinados niveis de afluencia, como sucede claramente no caso do Arde Lucus.

“O Plan de Autoprotección non é un trámite burocrático nin un simple documento administrativo. É a ferramenta que permite coordinar a actuación dos servizos de emerxencia, establecer protocolos de evacuación, prever riscos e garantir a seguridade de miles de persoas. A estas alturas debería estar completamente definido, coordinado e operativo”, sinalou.

Neste sentido, reclamou tamén a convocatoria inmediata da Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo especial que require un evento destas dimensións. “Resulta incomprensible que a poucos días da celebración non exista unha comunicación clara sobre a planificación dos operativos de seguridade, tráfico, emerxencias e protección cidadá. Un evento destas características non pode organizarse a última hora nin mediante improvisacións”.

Bustos mostrou igualmente a súa preocupación pola ausencia dunha dirección técnica municipal claramente identificada na preparación da festa. Segundo explicou, diversas asociacións participantes trasladaron ao Grupo Socialista que durante os últimos meses se celebraron reunións organizativas nas que non estiveron presentes os técnicos municipais responsables do Arde Lucus nin outros servizos especializados do Concello.

“É difícil de entender que precisamente no ano do 25 aniversario se prescinda da experiencia acumulada polos profesionais municipais que levan desde o principio d afesta contribuíndo ao éxito dom noso Arde Lucus. O máis lóxico sería reforzar o seu papel e aproveitar todo o coñecemento técnico existente dentro da propia administración e non fiar a organización aos intereses partidistas de Candia e os seus equilibrios electorias”, afirmou.

O concelleiro socialista destacou ademais que esta situación tamén afecta ao rigor histórico da celebración. “O Arde Lucus non é unha verbena convencional. É unha recreación histórica recoñecida internacionalmente e que forma parte da identidade cultural da cidade. Por iso resulta sorprendente que tampouco se estea contando de maneira visible co asesoramento de departamentos municipais especializados como Arqueoloxía, que deben contribuír a reforzar a calidade e autenticidade da programación”.

Para Bustos, o problema de fondo é que o actual Goberno municipal está máis preocupado pola fotografía que pola planificación. “Estamos vendo moita propaganda e pouca organización. Moitas declaracións institucionais e moi poucas certezas sobre cuestións fundamentais. A sensación que existe entre boa parte do tecido asociativo é que se está navegando sen rumbo e sen dirección técnica”.

Finalmente, o concelleiro socialista reclamou ao Goberno de Elena Candia que actúe con responsabilidade e informe de maneira inmediata sobre a situación do Plan de Autoprotección, a convocatoria da Xunta Local de Seguridade e a estrutura técnica encargada da coordinación do evento. “O Arde Lucus merece máis respecto. Estamos falando da imaxe internacional de Lugo, da seguridade de miles de persoas e dunha festa construída durante décadas grazas ao esforzo das asociacións, dos servizos municipais e da cidadanía. Non podemos permitir que a improvisación substitúa á planificación nin que a propaganda substitúa ao traballo serio”, concluíu.

Comparte este artigo