A Deputación autoriza o convenio de 250.000 euros para a Casona do Incio e outra achega de 250.000 euros para a Fortaleza de Castroverde

Redacción

A xunta de goberno tamén acordou licitar por máis de 300.000 euros obras en dúas estradas que conectan os concellos de Navia de Suarna e Cervantes, fundamentais para a poboación local e para deportistas e visitantes dos Ancares

A Deputación colaborará con FADEMUR para a celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais e a convoca o IX Concurso Fotográfico polo 20º aniversario da Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres mobilizar máis de 500.000€ en novas medidas de cooperación cos concellos, destinadas a recuperar o patrimonio, mellorar os espazos públicos e impulsar actuacións que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza.
Así o avanzou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen destacou a aprobación dun convenio de colaboración para a recuperación da Casona do Incio, “co que se desbloquea unha demanda histórica do municipio”, e dunha achega ao Concello de Castroverde para renovar e humanizar o barrio da Fortaleza, “unha contorna de especial valor histórico, patrimonial e paisaxístico”.

Convenio co Incio en tempo récord
A Deputación destinará 250.000 euros ao Concello do Incio para axudar á rehabilitación da Casona, un inmoble emblemático situado no centro da vila que permitirá que sexa recuperado e posto a disposición dos veciños.
Pilar García Porto destacou que “a aprobación deste investimento chega apenas un mes despois do compromiso adquirido pola presidenta da Deputación co alcalde durante unha visita oficial ao municipio”.
A institución tramitou este compromiso en tempo récord, xa que levou o convenio á xunta de goberno tras aprobarse este martes no pleno da Deputación a cesión do inmoble. O acordo foi impulsado pola presidenta, Carmela López, e adoptado por unanimidade de toda a corporación provincial.
Agora é o Concello do Incio quen debe levar a cabo a recuperación do inmoble. A Deputación de Lugo é a primeira administración en dar luz verde á súa colaboración económica.
O proxecto da Casona contempla a rehabilitación da planta baixa, a creación dun espazo semicuberto cunha pérgola de madeira, a mellora do xardín e dos espazos exteriores, así como a recuperación do antigo anexo e a construción dunha pista multideporte.
A actuación abranguerá tanto o edificio como a súa contorna, situada no centro da vila e conectada coa Praza da Cruz. “O obxectivo é conservar un edificio histórico e devolverlle un papel destacado na vida social e cultural do Incio”, argumentou García Porto.
Máis de 250.000€ para a contorna da Fortaleza de Castroverde
No caso de Castroverde, aprobouse unha achega de 262.781,75 euros para renovar e humanizar o barrio da Fortaleza, unha das contornas de maior valor histórico, patrimonial e paisaxístico do municipio.
As actuacións permitirán mellorar a accesibilidade e os camiños peonís, renovar o alumeado público e o mobiliario urbano, así como modernizar as redes de abastecemento e saneamento. O proxecto inclúe tamén o soterramento das redes aéreas de electricidade e telecomunicacións, unha intervención que requirirá actuar na estrada provincial Travesía de Montecubeiro.
A voceira socialista do goberno sinalou que “esta actuación contribuirá a poñer en valor o patrimonio de Castroverde, mellorando a contorna do Castelo e do propio barrio da Fortaleza, por onde transcorre o Camiño de Santiago”. Así mesmo, subliñou que “contribuimos a transformar este espazo público nun lugar máis accesible, seguro e integrado coa súa contorna, respectando o seu importante valor histórico e patrimonial e favorecendo o seu uso e desfrute por parte da veciñanza e das persoas visitantes”.
Máis de 300.000 euros para dúas estradas en Navia de Suarna
No ámbito da mobilidade, a Deputación aprobou a licitación, por un importe de 302.837,88 euros, das obras de acondicionamento de dous treitos das estradas provinciais LU-P-3503 e LU-P-3505, ao seu paso polo concello de Navia de Suarna.
Na LU-P-3505, a vía que conecta Navia de Suarna con Cervantes por Donís e que constitúe un dos principais accesos a Piornedo, os traballos desenvolveranse entre os quilómetros 8,640 e 11,250. “Trátase dunha estrada de especial relevancia para a comarca da Montaña, moi utilizada por ciclistas, afeccionados ao sendeirismo e visitantes que se achegan a descubrir Os Ancares”, valorou a deputada.
A intervención inclúe tamén a mellora da LU-P-3503, que comunica a aldea naviega de Silvouta coa cervantega de Vilor. Neste caso, acondicionarase un treito de algo máis dun quilómetro desde o inicio da vía, que dá servizo ás parroquias de Folgueiras, Santa Mariña de Vallo e Son.
En ambos os treitos, os traballos consistirán na limpeza e reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe, na renovación do firme con aglomerado en quente e na reposición da sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución previsto é de catro meses desde o inicio das obras.
Apoio ás mulleres rurais
A xunta de goberno aprobou tamén unha achega de 52.000 euros á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) para a organización do encontro que se celebrará o vindeiro 15 de outubro en Lugo, con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais.
A xornada reunirá ao redor de 1.000 mulleres de Galicia e doutras comunidades autónomas baixo o lema Mulleres rurais: liderado, xustiza e dereito. O encontro coincide este ano co 20 aniversario de FADEMUR Galicia e co Ano Internacional da Muller Agricultora. O programa incluirá mesas de debate, unha conferencia maxistral e recoñecementos ao labor e ao liderado das mulleres no medio rural. Ademais, contará cun espazo destinado a dar visibilidade aos proxectos e produtos de mulleres emprendedoras.
Convocado o IX Concurso Fotográfico dos Ancares Lucenses
Na sesión desta mañá tamén saíu adiante a convocatoria da IX edición do Concurso Fotográfico, dedicado ao 20º aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
O certame repartirá 1.600 euros en premios entre as tres fotografías gañadoras: 800 euros para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro. As imaxes deberán poñer en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico da Reserva da Biosfera. Tamén poderán reflectir prácticas e actividades tradicionais de aproveitamento dos recursos naturais que contribúan á conservación do patrimonio deste territorio.
As persoas interesadas poderán presentar as súas fotografías a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, prevista para a vindeira semana.

Comparte este artigo