A configuración da instalación permitirá que as persoas usuarias podan practicar unha ampla varidade de disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e mini-basket
O Concello avanza na consecución da primeira fase do Plan de barrios 2025-27, con máis actuacións en marcha en Monte Alto, onde hoxe comezaron as obras de construción da nova pista multideporte que se habilitará a carón da rúa Faro Finisterre.
A creación da pista suporá un investimento de máis de 230.000 euros e dotará o barrio do que será o seu primeiro equipamento público deste tipo. A configuración da instalación permitirá que as persoas usuarias poidan practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e mini-basket.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta actuación, que busca darlle resposta a unha proposta das catro ANPA de Monte Alto, proposta que, no seu momento, foi valorada positivamente a través dos orzamentos participativos.
“É fundamental que os barrios dispoñan de espazos multiusos onde impulsar a práctica de exercicio físico e o ocio saudable. Espazos que, ademais, tamén son fundamentais para crear núcleos de interrelación social e convivencia entre a cidadanía. Estamos a traballar nesta liña para que cada distrito da cidade onde exista ou existise esta carencia, se lles dea resposta ás necesidades das veciñas e veciños”, indicou Rey.
Neste sentido, as primeiras actuacións que abren camiño á construción da pista serán visibles xa sobre o terreo nos vindeiros días, coa instalación das casetas de traballo e tamén a disposición do valado perimetral que delimitará a superficie de obra. A previsión do Concello é que a súa execución se complete en aproximadamente tres meses.
En paralelo, avances para construír unha nova pista en Lonzas
A posta en marcha dos traballos para crear a nova pista multideporte de Monte Alto permítelle ao executivo local dar un novo paso no plan para ampliar e mellorar os equipamentos deportivos nos dez distritos da cidade.
Se o pasado verán se habilitaron dúas novas pistas no barrio dos Rosales e no núcleo residencial da Silva, semanas atrás concretouse a primeira da Urbanización Breogán.
Agora, o Concello avanza con vistas á construción da futura pista do parque Pierre de Coubertin, en Lonzas, cos trámites de licitación xa abertos.

