A biblioteca municipal de Neda despide este sábado ao mediodía o curso, e faino programando un contacontos para o público infantil, centrado na igualdade e nos roles de xénero. Trátase dos “Contos en lila “ de Cris de Caldas.
O espectáculo de narración oral, con entrada libre, arrincará ás 12 horas. E preséntase como unha escolma de historias dirixidas a que a rapazada reflexione sobre a necesidade de avanzar cara a un mundo máis xusto no que nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades.
Así, “das caixas máxicas dos contos saen carapuchiñas que non saben o seu conto, dragóns que parecen galos de curral, traballadoras en folga, princesas de pernas tortas, e un neno que chora e provoca unha revolución”. Trátase de rachar cos estereotipos de xénero, presentando un mundo máis real “con princesas valentes, nenos con dereito a chorar e mulleres donas das súas decisións”.
“Contos en lila” chega a Neda, froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través do Agadic, no marco do programa “Cultura no Camiño”, que busca dinamizar durante a tempada alta as localidades polas que pasan rutas de peregrinación.

