Carmela López reivindica en Castroverde o papel da Deputación como motor de investimento, cohesión territorial e coidados

Redacción

– A Presidenta asinou co Alcalde un convenio de colaboración de máis de 254.000€ para mellorar a mobilidade do municipio co acondicionamento de camiños en Abelleira, Serés, Pereira e Covelas, pavimentar o Campo da Festa e a creación dunha pista deportiva

– Anunciou que as obras da nova ponte sobre o río Azúmara no cinto comarcal comezarán a próxima semana cun investimento de 648.000€ e avanzou que xa está en proceso de contratación a mellora da LU-P-1201 entre Souto de Torres e Sobrado

– Compartiu parte da tarde coas persoas usuarias do Centro de Atención a Maiores, no que a Deputación leva investidos máis de 1,6M€ desde 2021, e comprobou actuacións xa comprometidas como a reforma do Teleclube da Pumarega

A Presidenta da Deputación, Carmela López, reivindicou este martes en Castroverde o papel da Deputación como motor de investimento, cohesión territorial e coidados. No marco dunha visita institucional, a mandataria da provincia asinou co Alcalde do municipio, Xosé María Arias, un novo convenio de colaboración, anunciou o inicio de novas obras e compartiu parte da tarde coas persoas usuarias do Centro de Atención a Maiores da localidade.

“Estamos aquí para reforzar o noso compromiso con Castroverde e co rural da provincia, vendo como os investimentos que facemos se traducen en melloras concretas, que responden a necesidades reais dos veciños e das veciñas”, valorou a Presidenta. “Queremos que vivir no rural non pase por ter menos oportunidades nin peores servizos e ademais das obras, esta visita tamén nos permite poñer en valor outra das grandes prioridades da Deputación: os coidados”, destacou.

Puxo a residencia provincial en Castroverde como “exemplo do modelo que defendemos, un no que as persoas poden permanecer no seu entorno, preto das súas familias e da súa comunidade xusto cando máis o necesitan e cunha atención de calidade”.

Un novo convenio de colaboración

Carmela López comezou a visita na Casa do Concello, onde foi recibida polo Alcalde e Deputado provincial e tras asinar no Libro de Ouro, formalizou un novo convenio de colaboración de máis de 254.000€ para mellorar a mobilidade do municipio co acondicionamento de camiños en Abelleira, Serés, Pereira e Covelas, pavimentar o Campo da Festa e a creación dunha pista deportiva.

“Un novo investimento moi ligado á vida cotiá do municipio, demostrando que as grandes transformacións tamén se constrúen con actuacións de proximidade, como estas, a mellora de camiños, a renovación de espazos e a creación de equipamentos fan máis agradable a vida dos veciños e veciñas”.

Reforma e mellora da accesibilidade do Teleclube da Pumarega

Comprobou tamén a Presidenta a obra comprometida no Teleclube da Pumarega, que se financia con cargo ao Plan Deputación, a través do cal a institución achega este ano a Castroverde un total que supera os 305.000€. A actuación permitirá mellorar a accesibilidade e as instalacións deste espazo comunitario, que actúa como punto de encontro, convivencia e organización veciñal.

Entre as actuacións previstas está a instalación dunha rampla e o acondicionamento dun aseo; a colocación de pavimentos no interior, pintado, reforzo da distribución eléctrica, instalación de abastecemento de auga e saneamento. “Unha actuación que exemplifica moi ben a filosofía do Plan Deputación, un investimento de proximidade, que mantén viva a convivencia nesta parroquia. Mellorar a súa accesibilidade e instalacións é investir en participación, inclusión e comunidade”.

Obras na ponte do río Azúmara e na LU-P-1201

A Presidenta e o Alcalde percorreron parte do cinto comarcal, e aproveitaron para anunciar que as obras da nova ponte sobre o río Azúmara comezarán a próxima semana cun investimento de 648.000€.  Concretamente, os traballos que realizará o Grupo Bascuas, afectarán a algo máis de 1,3 quilómetros e consistirán na desmontaxe da plataforma antiga, construción dunha nova estrutura e repavimentación. As obras incluirán tamén unha serie de medidas ambientais, como o plantado de árbores.

“Esta actuación suporá unha mellora moi importante en termos de seguridade e comodidade. Porque ampliaremos o ancho da vía neste punto do trazado ata os 11 metros no caso da ponte e ata os 8 no seu acceso. Polo que os condutores terán unha plataforma para circular cunhas capacidades moi melloradas”, valorou Carmela López.

Ademais visitaron o tramo inicial da LU-P-1201, desde o acceso pola LU-530 en Souto de Torres en dirección a Sobrado, onde están en proceso de contratación os traballos de renovación integral do firme nun treito de 2,8 quilómetros por outros 256.700€.

Visita ao Centro de Atención a Maiores

Rematou a súa visita compartindo parte da tarde coas persoas usuarias do Centro de Atención a Maiores de Castroverde, no que a Deputación leva investidos máis de 1,6 millóns de euros desde 2021. “Os centros de atención a maiores son unha das prioridades estratéxicas da Deputación: situar os coidados no centro das políticas públicas e garantir que as persoas maiores poidan seguir vivindo coa maior calidade de vida posible”, valorou a Presidenta.

As residencias da Deputación “son unha peza clave do noso modelo de provincia: coidar ás persoas no seu propio territorio, garantir a dignidade e reforzar a vida no rural”, defendeu Carmela López, que subliñou que “non hai cohesión territorial real se non garantimos coidados dignos para as persoas maiores en cada concello da provincia”.

“Podemos falar de estradas, de pontes ou de equipamentos, pero non haberá igualdade real mentres non garantamos que as persoas maiores poidan vivir e ser atendidas con dignidade no seu propio concello”, concluíu.

Comparte este artigo