O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou este mércores na Tinería a exhibición de traxes do Arde Lucus realizados polos usuarios e usuarias de FADAS Lugo dentro do obradoiro de costura e patronaxe Tecer para medrar. A través desta iniciativa dirixida a favorecer a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade levouse a cabo a confección de vestimentas de romanos e castrexos.
O Deputado puxo en valor o traballo das persoas participantes, un grupo de dez alumnos e alumnas procedentes de países como Cuba, Venezuela, Colombia ou Perú. Lembrou tamén o compromiso da Deputación con FADAS Lugo a través dunha achega de 10.000 euros destinada a apoiar o funcionamento da entidade e o programa Construíndo redes de apoio, oportunidades e formacións para o cambio social.

