A iniciativa desenvolverase os días 19 e 20 de xuño en horario nocturno e incluirá accións de sensibilización dirixidas á cidadanía e a distribución dun protocolo de actuación para profesionais do sector.
O Concello de Baiona pon en marcha “O Roteiro Lila”, unha campaña de prevención da violencia de xénero e das violencias sexuais nos espazos de lecer nocturno do municipio financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade (Secretaría de Estado para a Igualdade).
A iniciativa desenvolverase os días 19 e 20 de xuño en horario nocturno, coincidindo cun dos períodos de maior afluencia de público nas zonas de lecer.
O proxecto nace co obxectivo de promover un lecer seguro, respectuoso e libre de violencias, achegando información e ferramentas de sensibilización directamente ás persoas que participan da vida nocturna. Para iso, un equipo técnico especializado percorrerá de forma itinerante diferentes puntos de lecer de Baiona, interactuando coa cidadanía mediante dinámicas participativas e materiais informativos.
A campaña abordará cuestións relacionadas co consentimento, a detección de situacións de acoso ou violencia, a promoción de relacións afectivo-sexuais baseadas no respecto e o coñecemento dos recursos de atención dispoñibles. As persoas participantes recibirán tamén material informativo da campaña.
O Roteiro Lila incluirá tamén a entrega dun protocolo básico de actuación ante situacións de violencia de xénero e violencias sexuais dirixido ao persoal dos establecementos de lecer nocturno, co apoio de ACEBA, e coa finalidade de reforzar a capacidade de detección, acompañamento e resposta ante posibles situacións de risco. Ademais, distribuirase información práctica para o público xeneral sobre prevención, recursos de atención e pautas de actuación seguras.
Desde o Concello de Baiona sublíñase a importancia da implicación de todos os axentes sociais na prevención das violencias machistas, destacando o papel fundamental que desempeñan os locais de lecer nocturno na creación de espazos seguros e igualitarios.
Con esta iniciativa, Baiona reforza o seu compromiso coa igualdade e coa prevención da violencia de xénero, apostando por accións innovadoras, participativas e próximas á realidade da cidadanía que desfruta dos espazos de lecer nocturno.

