O Concello de Mos pon en marcha o concurso de debuxo “Pinta a Igualdade coas Cores do Respecto”, unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 12 e 17 anos coa finalidade de fomentar valores de igualdade, respecto e inclusión a través da expresión artística.
Esta proposta busca implicar ás novas xeracións na reflexión sobre a diversidade e na loita contra a LGTBIfobia e os discursos de odio, empregando a creatividade como ferramenta de sensibilización social. A través dos seus debuxos, as persoas participantes poderán expresar a súa visión dunha sociedade máis respectuosa, diversa e libre de discriminacións.
O concurso enmárcase dentro das accións impulsadas polo Concello de Mos para promover a igualdade e a convivencia, favorecendo a participación activa da mocidade en iniciativas que contribúan á construción dunha comunidade máis inclusiva.
Os traballos deberán presentarse en formato A3 e poderán realizarse empregando calquera técnica artística. A temática xirará arredor da igualdade, o respecto e a diversidade, con total liberdade creativa.
O prazo para presentar os debuxos permanecerá aberto dende o 20 ata 30 de xuño. O xurado, integrado por unha persoa docente do Bacharelato de Artes do IES de Mos, unha representante do Centro de Información á Muller (CIM) e unha representante do Concello de Mos, valorará as obras atendendo á súa orixinalidade, adecuación á temática, calidade técnica e impacto da mensaxe.
Establécense tres premios. O primeiro consistirá nun lote formado por un vale de Deportes González por valor de 80 euros, un set de papelería e un bono dun mes para a piscina. O segundo premio estará composto por un vale de 60 euros, un set de papelería e un bono dun mes para a piscina. O terceiro premio incluirá un vale de 40 euros, un set de papelería e un bono dun mes para a piscina. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un agasallo en agradecemento pola súa participación.
A valoración do xurado realizarase o 1 de xullo, publicándose os resultados o día 2. A entrega de premios terá lugar o 3 de xullo, coincidindo coa inauguración dunha exposición na que se mostrarán os traballos presentados. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 17 de xullo.
Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa educación en valores, a promoción da igualdade e o respecto á diversidade como piares fundamentais para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

