O concello de Baiona entrega a Carabela de Ouro a Eduardo Vieira Montenegro

Redacción

Na tarde do venres, o Concello de Baiona fixo entrega da Carabela de Oro a Eduardo Vieira Montenegro, concedida pola Comisión de Honras e Distincións.

Desde o Concello quíxose render homenaxe a esta persoa creadora da mítica proba deportiva VIG-BAY. O Media Maratón que une Vigo, Nigrán e Baiona pola costa.

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu un acto cargado de emoción e significado para o municipio. A xornada estivo marcada polo recoñecemento ao traballo deportivo ao longo de todos estes anos de Eduardo.

O acto contou coa presenza do Alcalde de Baiona e outras autoridades municipais quen quixo acompañar ao homenaxeado hoxe por hoxe salientable, poñendo en valor o traballo realizado polo deportista que permitiu posicionar a VIG-BAY entre as probas deportivas salientables de Galicia. A entrega do distintivo simboliza o resultado de anos de dedicación.
O rexedor con este acto quixo recoñecer o mérito deportivo e social de Vieira que levaron a proba á máxima categoría e con iso a Baiona.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, fíxolle entrega do distintivo e comezou a súa intervención destacando que “Hoxe con este acto facemos efectiva a entrega de tal merecida distinción sendo conscientes de que representa o sentir de moitos veciños”.
O mandatario no seu discurso destacou que: “Este recoñecemento reflicte o compromiso de Eduardo Vieira ao longo de todo este tempo coa proba e con Baiona. Eduardo Vieira Montenegro foi un pioneiro na creación de probas deportivas que co tempo conseguiu integrar un novo concepto: o turismo deportivo. Ademais, no que hoxe coñecemos universalmente como a vida saudable. Tamén creou un percorrido único no mundo que é o que transcorre desde a costa de Vigo ata a de Baiona que no últimos ano potenciou a participación feminina”.

Desde o Concello destácase a importancia do deporte como ferramenta de cohesión social e transmisión de valores, reforzando o seu papel como elemento clave na vida do municipio.
Pero a vinculación con Baiona de Eduardo Vieira Montenegro vai moito máis alá. Remóntase a tempos do seu proxenitor Eduardo Vieira González, fundador do grupo empresarial VIEIRASA, quen en 1945 doou á Irmanada da Santa Casa de Paz e Misericordia a imaxe da Virxe dos Dolores “A Dolorosa”, que aínda hoxe procesiona cada Xoves Santo, formando parte esencial do patrimonio e a tradición da Semana Santa Baionesa. Ademais, a familia Vieira proporcionou e proporciona traballo a moitos baioneses na súa empresa armadora.

Comparte este artigo