O festival “Neda en danza” regresa este sábado cunha edición centrada na tradición

Redacción

Volve “Neda en danza”. Tras dúas edicións sendo escaparate dalgunhas das propostas de danza contemporánea máis potentes de Galicia, o festival aposta desta volta pola tradición, cunha entrega protagonizada, en exclusiva, polo Grupo etnográfico das Mariñas.
Veciñanza e visitantes poderán desfrutar este sábado, a partir das 21 horas, no paseo marítimo (contorna no albergue de peregrinos) desta veterana agrupación de Ferrol, que leva case medio reivindicando, recuperando, e dando a coñecer a riqueza etnográfica e folclórica de Galicia.
Unhas 40 persoas entre músicos, cantareiras e bailaríns participarán no espectáculo deseñado para o “Neda en danza”. Unha proposta cun repertorio amplo, que incluirá unha decena de pezas variadas (muiñeiras, xotas…) con temas ben populares de distintas como a “Muiñeira vella”ou a “Muiñeira de Liñares”.
En definitiva, a terceira edición do certame, impulsado polo Concello, emerxerá como un encontro con aire de foliada para empaparse da nosa música de raíz e das danzas e bailes tradicionais galegos.

Comparte este artigo