O Porriño consolídrase como escenario clave do 59º Rallye Recalvi Rías Baixas

Redacción
  • A baixada a Chenlo volve a poñer o espectáculo no tramo Gondomar- O Porriño

O Rallye Recalvi Rías Baixas xa ten definido o percorrido oficial para a súa 59ª edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xullo. O trazado deste ano mantén unha estrutura similar á de edicións anteriores, sumando case 127 quilómetros cronometrados, pero introduce interesantes axustes para elevar a emoción.

Entre os puntos fortes do itinerario, de novo O Porriño volve situarse como unha das paradas imprescindibles para os afeccionados ao motor e tamén para os pilotos, xa que no municipio estará a zona de reagrupamento. Na xornada do sábado, a zona técnica emprazarase na rúa Donantes de Sangue.

Ese día, ademais, o tramo Gondomar-O Porriño deixaranos, no termo municipal, a espectacular baixada de Chenlo ata a zona de San Xoán; un tramo onde se habilitará unha finca de uns 50 metros cadrados, converténdose nunha grada natural para o público, onde poder ver e gozar dun dos puntos máis atractivos do percorrido de xeito seguro.

Durante a presentación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou  que “é unha nova oportunidade para demostrar a nosa capacidade organizativa e a hospitalidade da nosa xente”, convidando a   toda a veciñanza e aos afecionados de Galicia a gozar dun espectáculo seguro e inesquecible”.

Precisamente, os detalles desta gran cita deportiva foron presentados oficialmente na sala de comunicacións do Concello do Porriño. O acto contou coa participación de Damián Giráldez, presidente da Escudería Rías Baixas; o piloto José Antonio Martínez del Río; e o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo. Como limiar do que deparará o rally, os pilotos Jorge Pérez e Alex Alonso expuxeron os seus vehículos na praza do Concello, espertando a expectación dos veciños e afeccionados. Todos expresaron a súa vontade de que algún dos tramos poida discurrir polo Porriño íntegramente a próxima edición.

Image

Resto do percorrido

Non hai cambios en canto ao programa de carreira, con dúas etapas e un venres centrado no contorno da localidade de Ponte Caldelas. Nesta primeira xornada, os participantes percorrerán as especiais de Ponte Caldelas – Vilarchán (13,720 km) e Ponte Caldelas – Anceu (8,160 km). Se ben a primeira delas é idéntica á de 2025, a de Anceu cambia por completo na metade inicial do seu percorrido.

A saída da etapa do venres 3 de xullo será desde o parque de asistencias de Samil, ás 16:00 horas, mentres que o final da xornada terá lugar no parque pechado de Policarpo Sanz, a partir das 23:24 horas. Durante todo este tempo, os participantes no volverán a Vigo, pois contarán cunha asistencia remota no Parque Empresarial A Reigosa, en Ponte Caldelas.

Un sábado sen respiro

Un día despois (sábado 4 de xullo), o percorrido contará cun total de catro tramos a dobre pasada. As especiais serán as de Vigo – Nigrán (14,770 km), que cambia na saída e introduce unha nova variante cara á metade do tramo; Gondomar – O Porriño (11,450 km), idéntico ao do pasado ano, e a novidade desta edición: Salceda – Ponteareas. Un novo tramo, cun percorrido inédito de 12,810 km de lonxitude e que unirá ambas as localidades.

A especial urbana do Castro (2,430 km) volverá ser outro dos puntos de atención do 59 Rallye Recalvi Rías Baixas. Cambian os xiros que terán que efectuar os participantes nalgunhas das rotondas, así como o sentido no que se abordarán as chicanes habilitadas ao longo do percorrido dunha cronometrada que volverá poñer o broche de ouro a unha edición máis do Rías.

Nesta segunda xornada, o primeiro participante tomará a saída desde Policarpo Sanz ás 9:20 horas, estando prevista a chegada do primeiro deles a este mesmo punto a partir das 20:30 horas.

Tampouco haberá cambios en canto ao tramo de probas shakedown e tramo de cualificación, no que se determina a orde de saída para o 59 Rallye Recalvi Rías Baixas. Este volverá ter lugar na estrada que une o pavillón de deportes da parroquia de Bembrive e o parque forestal de Beade, nas inmediacións do Campus Universitario vigués.

“Sobre unha base xa coñecida de edicións anteriores”, apunta Damián Giráldez, presidente da Escudería Rías Baixas, “quixemos introducir algúns cambios que sempre supoñan un novo reto para todos os participantes.

Comparte este artigo