A arquitecta salcedense fixo unha doazón de libros con portadas ilustradas por ela.
A Biblioteca Pública Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Salceda de Caselas estrea o “Recuncho de Lara Lars”, un espazo permanente dedicado á cultura, á arte e ao compromiso social da artista e arquitecta salcedense. Lara Lars doa á biblioteca unha colección de libros cuxas portadas ilustrou coas súas obras de collage.
A creación do recuncho nace tras a participación de Lara Lars na III edición do Rally de Mulleres Rurais e Creativas de Salceda de Caselas, organizado pola Asociación Ecoloxista e Feminista Trece Catorce. Durante a xornada, a artista expuxo estas portadas na Praza de Abastos do concello. Como neta de carniceiros, Lara mantén un vínculo especial coa praza, e estivo presente para explicarlle á veciñanza o que querían transmitir as súas obras nas portadas dos libros.
O “Recuncho de Lara Lars” non só recolle o traballo dunha artista local. As portadas que alí se expoñen promoven valores cos que Lara Lars se identifica firmemente: a igualdade, a interculturalidade, e a loita contra a homofobia, contra o machismo e contra a especulación da vivenda. Con obras como “Una rebelde en París”, Lara converte cos seus collage “as mulleres floreiro en heroínas” e sitúa edificios brutalistas e cidades invadidas como protagonistas.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Con esta iniciativa pretendemos afondar o vínculo de Salceda cunha das nosas veciñas máis recoñecidas a nivel artístico, reforzando o acceso á cultura e poñendo en valor o talento feminino do rural”
Con esta doazón, a veciñanza poderá acceder a máis dunha ducia de títulos de diferentes temáticas cunha visión feminista como: “Ti non sabes o que é ser escritora”, que desmonta tópicos e fala do prezo de escribir sendo muller; ou “Cae la noche tropical”, onde dúas mulleres maiores son as protagonistas absolutas centrándose na amizade feminina, a vellez e a invisibilidade da muller.
Este recuncho é especialmente importante neste mes de xuño achegándolle á veciñanza obras de Manuel Puig, nas que a homosexualidade é o tema protagonista: “The Buenos Aires Affair” mostra unha relación homosexual masculina como eixo da trama. É unha obra crítica á moralidade e á represión na Arxentina dos 60. Outra obra como “Pubis angelical”, tamén toca a homosexualidade feminina nunha das súas liñas narrativas ou “Maldición eterna a quien lea estas páginas” donde hai tensión e subtexto queer moi forte entre os protagonistas, típico de Puig.

