A Unión Deportiva Mos celebra este sábado o seu 50 aniversario cunha gran xornada conmemorativa no Campo Municipal das Baloutas, onde reunirá a cinco décadas de historia para render homenaxe a todas as persoas que contribuíron a converter o club nun referente do deporte base e da vida social do municipio.
O Concello de Mos súmase a esta celebración, que pon en valor a traxectoria dunha entidade nacida en 1976 froito da fusión dos históricos clubs Petelos e Planeta. Desde entón, a UD Mos medrou ata consolidarse como unha das entidades deportivas máis importantes da comarca, desempeñando un papel fundamental na formación deportiva e persoal de centos de nenos e nenas.
Desde 1979, o Campo Municipal das Baloutas é o fogar do club. A súa inauguración estivo marcada por un encontro entre o Real Club Celta e o Club Deportivo Ourense, unha data que permanece gravada na memoria da familia futbolística mosense.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participará no acto institucional previsto para as 13.00 horas, xunto ao vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias; o delegado federativo en Vigo, Borja Arca; e o membro do consello de administración do Real Club Celta, Sergio Álvarez.
Nidia Arévalo destacou que “a UD Mos representa á perfección os valores que queremos promover desde o Concello: esforzo, compañeirismo, compromiso e sentimento de pertenza. Durante cincuenta anos foi unha auténtica escola de vida para xeracións de mozos e mozas e un punto de encontro para centos de familias do municipio”.
A programación dará comezo ás 10.00 horas cunha xornada de convivencia na que pais, nais, xogadores e xogadoras compartirán diferentes encontros amigables. Ás 10.30 horas disputarase un dos momentos máis emotivos da celebración: un partido de antigos xogadores que reunirá representantes de todas as décadas da historia do club, simbolizando a continuidade dun proxecto construído grazas ao traballo de varias xeracións.
Tralo acto institucional, os asistentes poderán gozar da actuación do monologuista Oswaldo Digón e dunha comida popular de confraternidade. Pola tarde, desde as 17.00 horas, a festa continuará coa actuación musical de Sonara Music e de Antonio Varela Radio 8, ademais de inchables, festa da escuma e outras actividades pensadas para o público infantil e familiar.
A tempada 2025-2026 volveu confirmar a fortaleza da UD Mos. O club tramitou 374 licenzas federativas, das que 95 corresponden a xogadoras, e competiu con 20 equipos nas distintas categorías, reafirmando o seu compromiso co fútbol base e coa igualdade de oportunidades no deporte.
Coincidindo coa celebración do seu medio século de vida, a entidade mantén aberto o prazo de inscrición para novos xogadores e xogadoras de cara á próxima tempada, que dará comezo no mes de agosto.
O Concello de Mos felicita á directiva, aos corpos técnicos, aos deportistas, ás familias, aos colaboradores e a todas as persoas que formaron parte da historia da Unión Deportiva Mos desde 1976, agradecendo a súa contribución para facer do club un dos grandes emblemas deportivos e sociais do municipio e desexándolle moitos máis anos de éxitos e crecemento.

