A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo concelleiro Camilo Grandal, supervisou esta mañá o inicio das obras de mellora da accesibilidade e pavimentación do adro da igrexa e do cemiterio de San Miguel de Pereiras, unha actuación municipal que supón un investimento de 101.476,36 euros financiado con fondos propios do Concello.
Durante a visita, a rexedora destacou a importancia dunha intervención “moi demandada pola veciñanza e que permitirá dotar este espazo dunha accesibilidade plena, mellorando a seguridade, a mobilidade e a imaxe dunha contorna de gran valor patrimonial e social para a parroquia”.
Esta actuación enmárcase no convenio de humanización da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras, asinado entre o Concello de Mos e o Bispado. No marco deste acordo, o Bispado cede gratuitamente ao Concello, durante un período de 50 anos, os terreos exteriores da contorna da igrexa para a súa humanización e mellora.
Como contraprestación por esa cesión, o Concello comprometeuse a executar distintas actuacións de mellora no interior do recinto parroquial, entre elas a renovación da accesibilidade e da pavimentación do adro e do cemiterio, uns traballos que agora comezan e que permitirán modernizar e facer máis seguro un espazo de especial importancia para a veciñanza de Pereiras.
O proxecto ten como finalidade eliminar as barreiras arquitectónicas existentes, facilitar os desprazamentos das persoas maiores e con mobilidade reducida e renovar uns pavimentos que presentaban un importante estado de deterioro.
As obras inclúen tres actuacións principais. A primeira consiste na construción dunha rampla accesible de conexión entre o adro parroquial e o cemiterio vello, substituíndo as actuais escaleiras de pedra por un itinerario accesible, complementado coa instalación de pasamáns e a adecuación da contorna con zonas axardinadas.
A segunda actuación comprende a pavimentación integral do adro da igrexa mediante dous tipos de acabado en pedra natural, mellorando tanto a estética como a funcionalidade e seguridade deste espazo, especialmente durante actos con elevada asistencia, como os enterros e outras celebracións relixiosas.
Finalmente, executarase a pavimentación dos corredores do cemiterio vello e renovarase o sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais, evitando encharcamentos e garantindo unha maior durabilidade dos novos pavimentos.
A alcaldesa Nidia Arévalo sinalou que “seguimos avanzando na mellora das nosas parroquias con actuacións que responden ás necesidades reais da veciñanza. Este proxecto non só mellora a accesibilidade e a seguridade, senón que tamén dá cumprimento aos compromisos adquiridos no convenio de humanización da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras, poñendo en valor un espazo moi significativo para todos os veciños da parroquia”.

